'Operación retorno', a proposta de Borja Verea para que os composteláns volvan vivir na cidade

Aposta por poñer no mercado as 6.000 vivendas baleiras que hai en Santiago

Denuncia a inquiokupación: inquilinos que só pagan os tres primeiros meses de alugueiro

O PP lamenta que para o Goberno local a solución sexa declarar zonas de mercado tensionado 

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, en rolda de prensa

O líder do PP de Santiago, Borja Verea, en rolda de prensa / CEDIDA

O líder do PP local, Borja Verea, lanzou este martes unha nova proposta para resolver os problemas de vivenda dos que adoece a cidade, a 'Operación retorno'. Unha proposta para conseguir que volvan vivir en Santiago os composteláns que agora están instalados en localidades próximas coma Bertamiráns e O Milladoiro (Ames) ou Sigüeiro (Oroso).

Para conseguir este retorno Verea propón poñer no mercado as 6.000 vivendas baleiras coas que conta agora mesmo Santiago, pois “canta máis oferta de pisos de alugueiro, máis baratos serán, polo que o principal é garantir seguridade xurídica aos propietarios para que poñan os seus pisos a disposición”, afirma. Borja Verea tamén denuncia que as políticas do Executivo local están provocando exactamente “o efecto contrario”.

'Inquiokupación'

Segundo o PP, a problemática da vivenda, con escaseza de opcións e alugueiros de elevado prezo é “consecuencia das políticas de PSOE e BNG nas últimas décadas sobre esta materia”. Verea asegura que moitos propietarios “non queren, ou non se fían o non poñen eses pisos en alugueiro porque hai problemas de inquiokupación: xente que entra na vivenda e de súpeto no terceiro ou cuarto mes deixan de pagar ou destrozan as vivendas”. “Neste senso, resulta entendible que moitos propietarios non estean dispostos a poñer os seus pisos en alugueiro xa que se atopan totalmente desprotexidos”, indicou.

Declaración de zona tensionada

O voceiro do PP “lamenta” que unha das solucións que pón sobre a mesa a alcaldesa Goretti Sanmartín sexa que “o BNG decida o prezo do alugueiro polos propietarios”, en referencia á solicitude -pendente- á Xunta da declaración de zonas de mercado tensionado na cidade.

Sobre esta declaración e como pode afectar á veciñanza do Ensanche participou este luns o edil de Urbanismo, Iago Lestegás, nunha charla no CSC dese barrio. Unha declaración que da que polo momento non hai demasiada información, salvo, como en varias ocasións lembrou a alcaldesa e mais o edil Lestegás, que se están a elaborar os informes que pide a Xunta, que son “exhaustivos e non se fan nun día nin nun mes”, afirmaba Sanmartín. Dende Raxoi tamén se considera que as esixencias da Xunta se deben a que realmente non quere outorgar a declaración de zona tensionada.

Para Verea, determinar zonas de mercado tensionado “o que vai supoñer é menos pisos no mercado e un incremento dos prezos nas zonas non tensionadas, unha política que o que fará é rematar definitivamente coa vivenda en Compostela”.