A Corporación local deu na mañá deste luns un paso máis para a mellora do ciclo integral da auga no concello de Santiago coa constitución da comisión especial que analizará a forma máis eficiente e sostible de levar a cabo o proxecto. Unha iniciativa que conta co apoio de todas as formacións políticas con representación no Pazo de Raxoi mais non sen certas discrepancias ou achaques.

Por parte da bancada socialista integran a comisión as edís Mercedes Rosón e Mila Castro. Esta última lembraba, nas súas declaracións aos medios, que se trata da terceira vez que se constitúe unha comisión do ciclo da auga e que durante a sesión “fixemos unha pequena análise da situación da que se parte, un estudo encargado polo Goberno socialista en 2020 e que recolle as necesidades millonarias da nosa rede de abastecemento”. Castro puxo o acento en que se trata de ter solucionar “o antes posible, porque teño que recordar que vai ano e medio perdido por aquel bloqueo de BNG, CA e PP cando levamos esta cuestión ao Pleno”.

Cómpre lembrar, que esta iniciativa adoptada polo Goberno de Sánchez Bugallo trataba de licitar un novo contrato para a xestión a levase a cabo unha empresa privada, mentres que agora se trata de deliberar sobre unha nova concesión ou a remunicipalización do servizo.

Con todo, Mila Castro asegurou que a súa formación é a primeira que quere “poñer fin aos problemas diarios de roturas e facer a ampliación da rede ao rural, xa o queriamos daquela pero entón a oposición non estaba polo labor”. Agora a edil asegura que “celebramos o cambio de postura”.

Un cambio no que se inclúe o PP, cuxo edil José Ramón de la Fuente –integrante da comisión xunto a José Antonio Constenla– asegura que a súa formación desexa “que dunha vez por todas se poña en marcha a comisión do ciclo da auga”, a pesar de que “lamentamos o tempo perdido”. Neste senso o concelleiro remarca “os cinco anos dende que o contrato rematou” e que implican que o servizo estea “polo tanto, en precario, circunsatancia que afecta á calidade do servizo que se presta”.

De la Fuente tamén se referiu a este ano de lexislatura “perdido” porque o Goberno local “non adoptou ningunha decisión ao respecto pola falta de consenso entre os partidos que o compoñen”, mencionou en alusión a preferencia de CA pola remunicipalización, mentres que o BNG o fía todo a un estudo sobre o que é tecnicamente máis convinte.

Na xuntanza de hoxe, ademais dos citados edís, da alcaldesa e dos concelleiros do seu goberno María Rozas, Xan Duro, Xesús Domínguez e Manuel César, participaron representantes do persoal técnico do Concello. Ademais de constituírse a Comisión, estableceuse un réxime de sesións mínimo trimestral, analizouse a situación actual e abordouse como será a toma de decisións. A comisión tamén poderá requirir o asesoramento que considere, tanto de persoal técnico municipal coma externo, e cando o así o decida, dará conta ao Pleno dos seus avances ou das decisións adoptadas.