A xunta de goberno local celebrada este luns no Pazo de Raxoi aprobou, entre outros asuntos, darlle luz verde ás licenzas solicitadas pola Xunta para a realización de obras de conservación e mantemento nos centros de ensino López Ferreiro e San Clemente. Non corrreu a mesma sorte a rehabilitación do local do Centro Sociocultural (CSC) da parroquia rural da Enfesta, cuxo proceso de licitación quedou deserto ao non concorrer ningunha empresa.

As reparacións no CSC da Enfesta están vencelladas á subvención POS+21 da Deputación da Coruña e contaba cun orzamento base de para a realización das obras de 102.133 euros, unha partida que a xunta de goberno de Santiago anulou agora, á espera de preparar unha nova licitación, mais é improbable que o problema de humidades que afecta ao CSC poida resolverse antes do vindeiro outono. 

Non será a mesma a sorte do CEIP López Ferreiro nin do IES San Clemente, que a Xunta pode comezar ao remate deste curso, ou antes incluso se o considera oportuno. A licenza aprobada pola xunta de goberno para que a Xunta acometa obras de conservación e mantemento nos centros incluirá melloras de accesibilidade e seguridade no López Ferreiro, polo que se disporá dun “itinerario accesible de entrada ao edificio e reordenamento dos accesos posteriores” —que dán á rúa dos Xasmíns—, ademais da renovación parcial da impermeabilización da cuberta e da “instalación dun ascensor no interior do inmoble”. No IES San Clemente as reparacións, que contan cun orzamento de execución material de 58.234 euros, cinguiranse á mellora da accesibilidade.

VUT, IDIS, transporte público e concesión de hortas urbanas

Entre os asuntos tratados en xunta de goberno, encóntrase tamén a aprobación, para levar ao pleno deste mes de xuño, do proxecto de ordenanza das Vivendas de Uso Turístico (VUT), no que se regulan os modos de comunicación dos titulares destas vivendas co Concello, entre outras cuestións.

En canto a temas vencellados con outras administracións, Raxoi tamén aprobou solicitarlle á Secretaría xeral de Calidade da Consellaría de Medio Ambiente, o inicio do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada do Plan especial de infraestruturas na parcela do edificio de investigación do IDIS –Instituto de Investigación Sanitaria–

No referido ao transporte urbano, o Concello anunciou a solicitude ao ministerio dunha subvención á Dirección General de Transporte Terrrestre; unha axuda para a que Tussa recompilará os datos das operadoras que cumpran cos requerimentos.

Outro dos anuncios derivados da reunión da xunta de goberno local deste luns foi o da autorización de uso das hortas urbanas en dúas das áreas da cidade dispostas para esta finalidade: Belvís de Arriba e Caramoniña. Segundo explican dende a Concellaría de Parques e Xardíns, no caso das parcelas do parque de Belvís de Arriba concedéuselle aogra o seu uso a un total de 29 persoas.

No caso da Caramoniña, a concesión de uso autorizouse para un total de 21 solicitantes e tamén se aprobou unha lista de agarda que conta cun total de 9 persoas.