A Real Academia Galega anima a rapazada a formar parte do certame ‘Contádenos o voso Día das Letras’

Amplíase ata o 27 deste mes o prazo para enviar proxectos nesta iniciativa para infantil e primaria

Ilustración de Lucía Cobo na que Del Riego sostén unha pancarta de Rosalía / ECG

Ilustración de Lucía Cobo na que Del Riego sostén unha pancarta de Rosalía / ECG / A. PRADA

Os centros escolares de infantil e primaria e o alumnado con necesidades especiais de apoio educativo poderán presentarse ata o 27 deste mes ao certame Contádenos o voso Día das Letras 2023. Trátase dunha iniciativa da Real Academia Galega (RAG) que xorde no marco do proxecto web Primavera das Letras, cargado de recursos lúdicos e educativos para nos achegar á vida e obra do autor ao que a institución lle dedica cada ano o Día das Letras.

Os participantes poderán concorrer co proxecto ou proxectos que desexen, tanto os que impliquen a toda a comunidade escolar coma con outros de aula, curso ou etapa. Todas as contribucións deberán enviarse ao correo electrónico contacto@primaveradasletras.ga. Segundo apuntan dende a RAG as iniciativas incluiranse nun espazo especial da web primaveradasletras.gal. Os tres centros que resulten galardoados recibirán como agasallo lotes de libros e material promocional da Primavera das Letras. E iso si, as escolas participantes recibirán un diploma acreditativo.

Trátase da oitava edición do certame Primavera das Letras e foron a escritora Eva Mejuto e a ilustradora Lucía Cobo as que se encargaron de achegar a figura de Fernández del Riego, autor ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras, á xente nova a partir dunha biografía teatralizada.

Lingua guapa

Ao adentrarse na web de Primavera das Letras pode verse unha nova sección denominada Lingua guapa. Nela accédese á primeira película de ficción da RAG, “baseada en feitos sorprendentes pero reais como a vida mesma”, indican dende a institución. Leva por nome A orixe da nosa lingua guapa e foi concibido a partir dunha idea orixinal da académica Fina Casalderrey, autora dunha morea de historias que levan namorado a varias xeracións de nenas e nenos. Damián Varela foi o director da orquestra a partir do guión asinado por Casalderrey e Fátima R. Ruibal, que é ademais a meiga-mestra que protagoniza esta película xunto as grandes estrelas: os alumnos do CPI Santa Lucía de Moraña, que se converteron en actores para a ocasión.