Dez leccións de Don Paco, un dos promotores das Letras Galegas que hoxe lle renden tributo

Francisco Fernández del Riego

Francisco Fernández del Riego / FDV

Raquel Fernández

Francisco Fernández del Riego (1913-2010), traballador incansable ata o final dos seus días, deixou un importante legado e moitas e valiosas reflexións. Coñecido popularmente coma Don Paco, foi unha figura de referencia na conformación da cultura galega.

A súa carreira profesional estivo ligada á formación da editorial Galaxia, líder no proceso de recuperación cultural na posguerra; ao seu ingreso en 1960 na Real Academia Galega e á literatura.

Neste último eido chegou a publicar corenta obras nas que o ensaio -'Galicia no espello'-, a narrativa -'O cego de Pumardedón' ou a literatura de viaxes -'As peregrinacións xacobeas' - tiveron cabida.

Fernández del Riego, nomeado Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo, foi ademáis un dos propulsores do Día das Letras Galegas que se celebrará o vindeiro 17 de maio. Adícanselle á súa figura, co que se salda, en parte, a débeda pendente.

EFE recompilou co gallo da festa da lingua un total de dez reflexións representativas do que era e o que supuxo o autor homenaxeado este ano:

-Emigrante: "Cando o emigrante ourensán comezou a se mergullar no ambiente da capital do Plata, esta era xa un inmenso crisol no que se mesturaban as razas máis dispares. Os galegos, despois dos italianos, constituían a meirande parte da poboación emigrada. Naturalmente, un continxente tan mantido de xentes de Galicia na urbe bonaerense tiña que marca-la súa impronta, e marcouna."

- Tristeiro: "O tempo é borrallento, tristeiro, grisallo. Trasladamos as tendas de campaña e os canóns a uns douscentos e cinco centos metros de onde estaban. Traballamos arreo e cavamos uns refuxios. Síntome canso".

- Encetar: "Encetamos a nosa andadura polos panoramas deseñados nos versos pondalianos. Batemos coa paisaxe arredía, varuda do poeta. Non é, xa que logo, unha emoción mol, morna, auganosa a que se adona de nós fundíndonos vexetalmente coa terra miolar. Pola contra, vén ser a nosa unha emoción entre dramática e cósmica, pero de fondo contido humano."

- Peregrinación: "O home que deu pé ás peregrinacións á última terra da Romania - onde se falaba nos seus campos un latín popular- chamábase Iacobo. Tamén Boanerges, que quere dicir fillo do trono, quizais polo seu carácter apaixonado. A crenza da súa predicación en terras da Hispania viña de lonxe. Testemuñouna xa no século VIII o libro 'De ortu et obitu Patrum', atribuido a Isidoro de Sevilla."

- Abra: "Hai que percorrer máis de trescentas millas de litoral para dexergar o país costeiro en toda a súa amplitude. Unha chea de accidentes xeográficos, illas, cabos, abras, rías, portos. Tamén unha gran variedade de paisaxes e configuracións."

- Europeísmo: "Con istas lixeiras apuntaciós quixen siñificar non somentes a realidade aitual do Seminario de Estudos Galegos sinon o esprito europeo que o anima para valorización da nosa cultura, non sendo isto óbica pra que ise universalismo i europeísmo se manifeste no propio idioma, posto que il é o diagrama espritual da nosa persoalidade e da nosa cultura, o inventario do noso patrimoño coleitivo."

- Xornalismo: "Ao noso ver, o xornalismo posúe naturaleza de seu. Pero embebe ademais moita substancia literaria doutros xéneros. Pensadores e literatos asómanse continuamente á fiestra da prensa. O que uns e outros reoportan, comportan ou transportan son ideas. En tal sentido fan, sen dúbida, bo servizo á cultura."

- Rebulir: "Ó abrir o balcón proseguirei ollando o anaco de mar que se dexerga entre os tellados. E os vigueses que camiñan cara ós veciños cafés nos que van sentar antes de se reincorporar ó traballo. Rebolen no meu pensamento cousas moi variadas, mesmo incongruentes. Suscito a imaxe da terra amada. Penso na miña idade de home e na idade da historia."

- Raizame: "Sentíase Seoane formando parte do proceso evolutivo de Europa. Pero considerando que en Galicia, no seu agachado xenio nacional, estaban as raizames máis fondas. Entendía que Carlos Maside, Arturo Souto, Manuel Colmeiro, cunhas formas e cores novas, con inquietudes universais, comezaran a sinala-las características dunha pintura galega."

- Viaxe: "Matinando na vocación camiñante de Otero Pedrayo, vén á miña mente a literatura de viaxes, unha literatura que sempre tivo calorosa acollida na historia da humanidade. Por que tantas obras mestras das letras universais son estudos de viaxes? A resposta, ao meu ver, está en que a viaxe é un símbolo do pulo do progreso espiritual."