Yolanda Castaño e Pardo de Guevara, entre os distinguidos nos Premios da Cultura Galega

Os galardóns falláronse na Cidade da Cultura de Santiago

Outorgáronse a oito persoas e colectivos nas categorías de letras, artes visuais, artes escénicas, música, audiovisual, lingua, patrimonio cultural e proxección exterior

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez (4º dereita) xunto ao resto de membros do xurado

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez (4º dereita) xunto ao resto de membros do xurado / ECG

Á poeta Yolanda Castaño pillouna “totalmente de sorpresa” este premio, que chega ás súas mans pouco despois do codiciado Premio Nacional de Poesía. O historiador Eduardo Pardo de Guevara sabía que o xurado o propuxera, pero tampouco o agardaba. E a produtora de circo e artes escénicas PistaCatro quedou totalmente abraiada cando a chamaron dende a Consellería de Cultura para darlle a nova. Eles son tres dos gañadores dos Premios da Cultura Galega da Xunta cos que contactou EL CORREO GALLEGO, e aos que hai que engadir o Museo do Gravado á Estampa Dixital, a Banda de Música Unión de Guláns, Portocabo, Ponte... nas Ondas! e os Cursos de verán Galego sen fronteiras.

O fallo dos premios, celebrados onte na Cidade da Cultura de Santiago, estivo presidido polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e contou cun xurado cargado de profesionais da cultura galega de recoñecido prestixio. En concreto tomaron a decisión o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; a secretaria xeral de igualdade, Sandra Vázquez; o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, Fina Casalderrey, en representación da Real Academia Galega; Elena Vázquez Cendón, do Consello da Cultura Galega; Ramón Yzquierdo Perrín, da Real Academia Galega de Belas Artes; Esperanza Gigirey, directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago; Carla Reyes, presidenta da asociación Executivas de Galicia; Patricia Hermida, presidenta da Asociación Galega de Empresas Musicais, e Estíbaliz Veiga, actriz, presentadora, pedagoga teatral e guionista.

Ás veces unha bota 30 anos traballando e de golpe chegan dúas semanas nas que recolle os froitos

Yolanda Castaño

— Poeta

A poeta e dinamizadora literaria Yolanda Castaño recibiu o galardón na categoría Letras, e revelou que aínda está abrumada por todo o que lle está a acontecer. “Confésoche que aínda estou procesando todo isto. Ás veces unha bota 30 anos traballando e de golpe chegan dúas semanas nas que recolle os froitos... O único malo é que a partir daquí só se pode ir costa abaixo. A ver como mantemos o listón tan alto, xa é moita responsabilidade!”.

Yolanda Castaño

Yolanda Castaño / Y.C.

A poeta asegura que “non tiña nin idea nin de cando se celebraban os premios, nin de cando se reunía o xurado. Estaba completamente centrada noutras cousas. Hoxe estou traballando como sempre e estaba concentrada nas miñas convidadas, unha escritora luguesa e outra estoniana, que veñen ao ciclo Poeta Di(n)Versos polo Día das escritoras”.

Yolanda Castaño aproveitou este recoñecemento para animar ás mozas que queiran escribir en galego a facelo sen temor. “Non vai ser máis conmovedora nin máis disruptiva ou máis fascinante unha obra escrita na lingua de máis número de falantes. Os números teñen pouco que dicir en materia de cultura e de arte. Non hai que pensar tanto no éxito inmediato, senón intentar aprender durante o proceso. Se te concentras no proceso e aprendes algo entre tanto, probablemente teñas maiores garantías de acadar un bo resultado”, considera a escritora.

Pola súa parte, o historiador galego doutorado en Historia Medieval, Eduardo Pardo de Guevara, foi premiado na categoría de Patrimonio Cultural. Asegura que agradece enormemente este recoñecemento, máis que por el mesmo porque “es la demostración de que la cultura gallega no tiene que escribirse solo en gallego”. Considera que “es algo más grande de lo que pensamos, o de lo que algunos piensan”.

Eduardo Pardo de Guevara

Eduardo Pardo de Guevara / Antonio Hernández

Pardo de Guevara asegura que “nunca pensé que el jurado fuese benévolo conmigo, la verdad, y por eso lo agradezco doblemente. De todos modos, y lo digo de corazón, yo no me lo merezco, lo merece el Instituto de Estudios Gallegos... y si vamos a lo personal, lo merecen mi mujer e hijos que me han aguantado todos estos años trabajando”.

PistaCatro (categoría Artes escénicas), que se consolidou como produtor decano das novas correntes circenses de Galicia e de Galicia para todo o mundo, agradece un galardón que, di Belém Brandido, socio-produtora da compañía, premia os 20 anos de aposta polo novo circo e polas artes do movemento. “Son moitos anos nos que fixemos por dignificar a profesión e levala ás rúas e teatros, apostando por un circo para todos os públicos e pola innovación. Este galardón dános impulso para continuar”, asegura. Recalca que “Pistacatro é unha factoría da que forman parte moitas familias:as do circo e das artes escénicas vinculadas ao circo que implica a artistas circenses, bailaríns de teatro, escenógrafos, directores, dramaturgos, músicos, iluminadores... Polo que é un premio colectivo”. Un galardón que é para esa gran familia, pero tamén “para os axentes culturais que apostan polo circo e para o público fiel de PistaCatro, do circo e das artes do movemento”.

Una función de PistaCatro

Una función de PistaCatro / CEDIDA

Outros premiados

Na categoría de Artes visuais o galardón foi para o Museo do Gravado á Estampa Dixital de Ribeira, institución museística que custodia e difunde unha das maiores coleccións de artes gráficas de España e de Europa. A de Música, gañouna a Banda de Música Unión de Guláns, que celebra este ano o seu 150 aniversario. Na de Audiovisual foi escollida a produtora Portocabo, que se ten consagrado como unha das principais produtoras audiovisuais de Galicia, co favor de crítica e público, con series como Rapa ou Hierro.

Na categoría de Lingua premiuse a Ponte... nas Ondas!, iniciativa transfronteiriza que promove o intercambio lingüístico entre centros educativos da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Por último, os curso de verán Galegos sen fronteiras foron galardoados na categoría de Proxección exterior. A finalidade desta iniciativa é achegar a lingua e a cultura galegas á xente de diferentes nacionalidades.