Os podólogos galegos piden a súa inclusión na atención da diabetes mellitus tipo 2

Estos profesionais aseguran que son necesarios para facer labor de prevención e evitar úlceras ou amputacións

Enviaron varias peticións, sen éxito, á Consellería

Unha persoa masaxeando os pés

Unha persoa masaxeando os pés / PEXELS

O Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (COPOGA) leva tempo pedindo que os especialistas na saúde do pé formen parte do Sistema Público de Saúde, pero de momento non tiveron éxito. Así o explica a presidenta do Colexio, Ana Requeijo, que agora volve insistir en dita demanda ante a firme aposta que a Consellería de Sanidade está facendo polos procesos asistenciais integrados (PAI) co obxectivo de que o paciente reciba a mesma atención, homoxeneizada e adaptada, independentemente do sitio de Galicia no que viva. Fai un par de semanas o sistema estendeuse tamén á diabetes mellitus tipo 2 e os podólogos piden formar parte do mesmo ao ser, aseguran, básicos para tratar o pé diabético.

“Están incluíndo a distintos profesionais para atender aos pacientes con diabetes mellitus tipo 2 e nós somos necesarios nese equipo multidisciplinar pero non estamos contemplados. Dános pena todo isto porque insistimos polo ben de todos: o dos pacientes diabéticos e o da nosa sanidade. E é que a nosa inclusión suporía un aforro de costos e unha mellor atención a estes pacientes”, asegura Requeijo.

Diabetes

A diabetes é unha enfermidade crónica que aparece cando o páncreas non produce a insulina suficiente ou cando o organismo non usa eficazmente a insulina que produce. Existen varios tipos de diabetes e, entre outras complicacións, pode causar o chamado pé diabético, é dicir, a infección, ulceración ou destrución dos tecidos profundos do pé.

Ana Requeijo leva como presidenta dende o pasado mes de xuño e asegura que mandaron varias cartas á Xunta “lembrándolles que tíñamos unha reunión pendente con respecto á nosa inclusión no Sistema Público de Saúde, pero non obtivemos resposta”, di. “Os diabéticos teñen moitas doenzas nos pés. Tamén van producirse amputacións en moitos casos... son pacientes de risco”, indica.

“Os diabéticos teñen moitas doenzas nos pés. Tamén van producirse amputacións en moitos casos... son pacientes de risco”

Insisten en que os especialistas na saúde do pé poderían atallar as dificultades que presentan estes pacientes á hora de camiñar “Consideramos que a prevención é a vía fundamental para evitar chegar a esas amputacións e que esos pacientes teñan maior calidade de vida”.

Insiste tamén en que para eles é fundamental facer exercicio e camiñar. “E quen lle está dicindo que calzado debería usar? e quen está valorando os seus problemas á hora de camiñar? Moitas das persoas con diabetes tipo 2 teñen xa unha determinada idade e aparecerán artrose e distintas enfermidades...”, lembra.

Complicacións

Segundo o Colexio o 25% dos pacientes diábeticos padecerá unha úlcera no pé ao longo da súa vida e un de cada catro sufrirá unha amputación. “A isto é ao que non se pode chegar porque esa vida non será a mesma. Queremos que iso se minore, pero as cifras son as que son”, sentencia Requeijo. “É certo que estamos aínda en poucas comunidades pero é fundamental que estemos presentes na sanidade pública para a prevención”.

No caso de afectación do sistema nervioso (neuropatía diabética), os podólogos galegos indican que pode causar diferentes síntomas nos pés como formigueo, dor, sensación de adormecemento ou falta de sensibilidade, o que fai que se perda a capacidade de sentir dano no pé.

Sanidade

Dende a Consellería de Sanidade indicaron ao respecto que o proceso asistencial integrado de diabetes mellitus tipo 2 elaborouse “para orientar as actuacións dos e das profesionais do Sistema Público de Saúde de Galicia no diagnóstico, o tratamento e o seguimento das persoas con diabetes mellitus tipo 2 e dado que no momento actual os/as podólogos/as non están incluídos/as dentro das categorías profesionais do Sistema Público, o PAI recolle que as funcións de exploración e coidado do pé as realiza, fundamentalmente, o persoal de enfermería, recollendo tamén a posibilidade de derivación a cirurxía vascular no caso de complicacións”.