Feridas nas uñas e ampolas: as lesións máis comúns nos peregrinos

A presidenta do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia, Ana Requeijo, recomenda entrenar coa indumentaria e a equipación que se vaia levar e realizar un estudo biomecánico da pisada

O calzado de trekking é o máis axeitado para facer o Camiño

Un grupo de peregrinos facendo o Camiño

Un grupo de peregrinos facendo o Camiño / EFE

Coa chegada do verán e as vacacións son moitos os que se animan a pór en marcha ese plan que leva tempo roldándolles a cabeza pero que require de varios días libres para ser posible: o Camiño de Santiago. E é que o encanto de vivir esta aventura é tal que as cifras de peregrinos non fan máis que sorprender. E é que este 2023 o Camiño segue batendo récords ao superar o pasado mes nun 23% a cifra de peregrinos chegados a mediados de xuño do Xacobeo 2022. Con todo, aínda que as gañas e a ilusión son importantes á hora de realizar a fazaña, tamén é vital tomar as medidas axeitadas para evitar que os pés se resintan.

A presidenta do Colexio Oficial de Podólogos de Galicia (COPOGA), Ana Requeijo, explica que no seu caso (ten clínica na Estrada) ten recibido peregrinos con danos nas uñas e ampolas polo roce do calzado, que son as lesións máis comúns. É por iso que antes de iniciar o Camiño recomenda sobre todo “entrenar previamente” e facelo ademais “coa indumentaria e toda a equipación que se vaia levar porque imos camiñar con quilos ás costas”. Tamén aconsella facer un estudo biomecánico da pisada que consiste en “analizar como camiñamos e ver que dificultades se poden detectar. Ás veces hai diferenzas de altura que ao mellor na vida diaria non notamos moito pero que se manifestan á hora de comezar a camiñar”, di. “A idea é detectar as alteracións que nos poidan prexudicar cando fagamos un recorrido longo”, engade.

Levar un calzado axeitado é básico para lanzarse á aventura do Camiño. Ana Requeijo explica que aínda que depende un pouco da época do ano, “basicamente é o calzado de trekking o máis apropiado, pois ás veces hai terreos difíciles, con subidas e baixadas que custan”. É importante ademais que co calzado que se escolla “o pé estea protexido, que non haxa movementos dentro del, porque iso fará que se formen rozaduras e ampolas. As uñas chocan coa parte dianteira do zapato e acábanse danando”.

Outro punto importante á hora de camiñar longas distancias é empregar calcetíns. “Si o pé roza contra o forro do calzado fórmanse ampolas porque o pé transpira”. Asemade, lembra que é recomendable cambiar os calcetíns durante o traxecto cando se noten húmidos. “Os máis recomendables son os de algodón ou os térmicos. É fundamental levar varios pares que permitan transpirar, e o mesmo no referente ao calzado. Se ao quitalo o pé está totalmente branco isto indica que a transpiración quedou toda dentro e que polo tanto hai moita humidade”, di.

No caso de que a pesar da prevención aparezan ampolas, a presidenta do COPOGA explica que para tratalas hai que ter en conta o grao no que estean. “Ás veces é suficiente con aplicar un desinfectante e cubrilas. Moita xente decide drenalas, pero iso habería que facelo nun medio o máis estéril posible porque esa ampola é un foco de entrada de bacterias en canto a pinchamos. Se rompemos a pel, que é a barreira que impide que entren, damos renda solta a unha posible infección”.

Por último, Ana Requeijo, recomenda tras cada parada asear os pés, secalos ben e calzar unhas chanquetas para airealos e deixalos descansar mellor.

Xeolocalizador

A través da páxina web do COPOGA os peregrinos poderán atopar a clínica de podoloxía máis próxima á súa ubicación. Trátase dun xeolocalizador creado con motivo do Xacobeo 21-22 e que aínda permanece activo. Asemade na web poderá atoparse un listado dos coidados básicos dos pés en catro idiomas (galego, castelán, francés e inglés). Unha información que está tamén dispoñible en todas as farmacias galegas grazas a un acordo de colaboración entre o COPOGA e os catro Colexios provinciais de Farmacéuticos.

Botiquín de urxencias

Dende o Colexio de Podólogos de Galicia recomendan levar sempre a man un pequeno botiquín de urxencias para tratar calquera posible lesión ou ferida. Este debería estar composto por crema hidratante, vaselina pura ou lubricante, antiséptico cutáneo, apósitos de segunda pel, gasas, esparadrapo e polvos adstrinxentes para controlar a transudación.