Os pés, moitas veces esquecidos á hora de coidarnos

O Colexio de Podólogos de Galicia organizou un concurso de fotografías para facer visible o seu labor

Seguen demandando formar parte da sanidade pública

A fotografía gañadora, de Iago Manuel Soto

A fotografía gañadora, de Iago Manuel Soto / CEDIDA

O Colexio de Podólogos de Galicia (COPOGA) organizou, por terceira vez, o concurso fotográfico Los pies en la fotografía, un certame que, explica a presidenta do Colexio Ana Requeijo, “pretende facer visible a podoloxía e que a xente sexa máis consciente dos pés porque están moitas veces esquecidos”.

Iago Manuel Soto, de Ponte Caldelas e afeccionado á fotografía, levou o primeiro premio por unha imaxe realizada en Tanzania durante unhas vacacións solidarias a un orfanato da cidade. “Polas tardes, cando algunhas nenas e nenos do orfanato regresaban da escola, íamos a xogar un pouco a un descampado que se convertía nun campo de fútbol improvisado. A nós uníanse para xogar outros pequenos que vivían nos arredores. Todos xogaban co que tiñan, uns con chancletas, outros con zapatillas rotas... Un día estábamos xogando, e decateime de que un dos nenos calzaba unha bota de fútbol rota nun pé, e o outro levábao descalzo. Ao resto dos nenos non se lles facía raro ver iso, pero a min velo impactoume moitísimo. Así que collín a cámara de fotos, que sempre a levo comigo, e intentei captar ese momento” , indica.

"Un día estábamos xogando, e decateime de que un dos nenos calzaba unha bota de fútbol rota nun pé, e o outro levábao descalzo. Ao resto dos nenos non se lles facía raro ver iso, pero a min velo impactoume moitísimo"

Iago Manuel Soto

— Gañador do certame de fotografía

É unha imaxe, sinala Manuel Soto, que reflicte as condicións e desigualdades do terceiro mundo: “nestes países moitos nenos e nenas non teñen acceso a un calzado adecuado ou a moitas outras comodidades que nós consideramos básicas. Esta imaxe debería servir como recordatorio da importancia que ten axudar a aquelas persoas que nos necesitan e que se enfrontan a dificultades a diario, e promover a igualdade de oportunidades para todos eles”.

Iago Manuel Soto comezou a interesarse pola fotografía durante os seus estudos de Comunicación Audiovisual e atesoura xa varios premios e recoñecementos en concursos de fotografía de toda España. Os últimos conseguiunos este mesmo ano:o 1º Premio do XVI Concurso de Fotografía Rosa Pons Fábregas, en Parada de Sil, e o 1º Premio no VI Concurso de Fotografía Solidaria: Psicología y Cooperación do Colegio Oficial de Psicología de Andalucía Occidental.

O segundo galardón recaeu en Andrea Íñiguez Sánchez, de A Coruña. Pódologa de profesión, a súa fotografía mostra a praia coruñesa de Santa Cristina e foi feita hai uns cinco anos. Na foto sae ela mesma saltando na area cos pés descalzos e o autor é o seu marido. “La idea inicial era hacer un collage de fotografías para una pared de la sala de espera de la clínica a modo de decoración, y la verdad es que esta imagen siempre fue mi favorita” , sinala.

Foto de Andrea Íñiguez

Detalle de la foto de Andrea Íñiguez / CEDIDA

Ana Requeijo explica que as fotografías escolléronse a cegas e valorouse o significado e orixinalidade, entre outros ítem. “Esas imaxes e outras dez máis das presentadas ilustrarán o calendario de 2024”. Recalca que “calquera persoa se pode presentar, de feito este ano foi libre, non se fixo distinción entre profesional ou non, e esperamos que o próximo ano non decaiga a participación”.

“La idea inicial era hacer un collage de fotografías para una pared de la sala de espera de la clínica a modo de decoración, y la verdad es que esta imagen siempre fue mi favorita”

Andrea Íñiguez

— Gañadora dos segundo premio

Dende o Colexio de Podólogos realizan ao longo do ano varias actividades deste tipo para inculcar a importancia do coidado dos pés. A próxima será un concurso de postais de Nadal, dirixido especialmente aos máis pequenos.

Cambio de calzado

Ante o cambio de temperaturas tan brusco que estamos a vivir, Ana Requeijo recorda que é importante “adecuar o calzado ás necesidades meteorolóxicas”. A presidenta do Colexio insiste en que “agora mesmo coa humidade que hai é importante que os nosos pés estén secos para evitar as temidas frieiras. É tamén vital empregar calcetíns de materiais naturais. E as persoas que xa padezan frieiras deben aplicar algún tipo de preparado de farmacia para mellorar a circulación”.

Demandas

A Presidenta do Colexio de Podólogos de Galicia aproveitou o fallo do concurso para lembrar que a podoloxía aínda non está incluída na sanidade pública. “Esta é unha petición que levan feito xa todos os meus predecesores. Temos o apoio de moitas entidades, de distintos sanitarios como reumatólogos ou fisioterapeutas, de asociacións de diabéticos e de distintos colectivos que coma nós piden a nosa inclusión. Pero bueno, seguiremos insistindo”, asegura.