Cantos regalos debería ter un neno no Nadal?

A baixada da natalidade é un dos factores que segundo a psicóloca educativa Begoña Castro contribúe a encher de agasallos aos pequenos

Outro sería o intento dalgúns pais de suplir a falta de tempo con eles

As consecuencias destos excesos son cativos egocéntricos e con baixa tolerancia á frustración

Un neno abrindo os agasallos en familia

Un neno abrindo os agasallos en familia / PEXELS

Vivimos nunha sociedade na que o consumismo está a orde do día, e o Nadal é o momento perfecto para ser conscientes de todo isto e das consecuencias que produce nos máis pequenos. Se nos paramos a pensar en como eran estas datas hai anos decatarémonos de que nada teñen que ver coas que coñecemos hoxe en día, nas que a prioridade para a maioría dos pequenos son os agasallos. “Todo isto é debido aos cambios sociais. Hoxe hai pouca natalidade e moita xente maior, a pirámide está invertida, polo que na maioría das familias hai un ou dous nenos e todo o mundo se centra neles. Están máis atendidos e deste xeito ao final das festas rematan cheos de cousas”, explica Begoña Castro, psicóloga da Sección de Psicoloxía Educativa do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

“Dende os Concellos e centros educativos percibiuse este ano un gran descenso no número de nenos das aulas de 3 anos porque trala pandemia experimentouse unha baixada da natalidade pola gran incertidume que provocou a situación”, asegura a psicóloga educativa. E este sería un dos factores do conmunmente coñecido como síndrome do neno hiperregalado, é dicir, aquel que recibe unha inxente cantidade de regalos no mesmo momento.

Outro factor que inflúe nesta situación é que hoxe moitos pais intentan suplir con agasallos o tempo que non lles dedican. “Isto é un gran erro porque o cariño non se transmite por medio dun regalo”, sentencia Begoña Castro. “Actualmente hai moitos nenos que pasan unha enorme cantidade de horas fóra da casa cando en realidade queren estar no seu fogar cos pais, e eles mesmos o verbalizan. De feito, durante a pandemia foron moitos os pequenos que estiveron encantados coa situación porque os seus pais dedicáronlles máis tempo ca nunca”, indica.

Un bebé rodeado de xoguetes

Un bebé rodeado de xoguetes / PEXELS

Pero a psicóloga non xulga aos pais por pasar poucas horas cos seus fillos, pois insiste en que “a sociedade mesma é a que non nos permite atendelos como deberíamos. Temos que traballar e non sempre nos podemos permitir reducir a xornada. A conciliación aquí pasa por ter sitios onde deixar aos nenos, xa que a diferenza doutros países, non podemos dedicarnos a eles mentres son moi cativos. Por iso eu sempre lles digo aos pais que non se sintan mal”, indica. Iso si, insiste en que o tempo que teñamos para estar con eles debe ser de calidade. “Temos que deixar de lado outras actividades e dedicarnos plenamente a eles porque actualmente hai moita falta de cariño”, sentencia.

“A sociedade mesma é a que non nos permite atendelos como deberíamos. Temos que traballar e non sempre nos podemos permitir reducir a xornada. A conciliación aquí pasa por ter sitios onde deixar aos nenos"

Consecuencias

As consecuencias tanto a curto como longo prazo de darlles aos nenos de golpe múltiples regalos son negativas. “O termo síndrome do neno hiperregalado non é unha denominación clínica senón que é produto da nosa sociedade. É curioso que se fale disto pero non do adulto hiperregalador porque en realidade os nenos non teñen a culpa”, aclara a psicóloga educativa.

A repercusión destos excesos é que se xeran “nenos egocéntricos e con baixa tolerancia á frustración porque están acostumados a recibir todo o que piden, o que implica pataletas, rabietas ou choros descontrolados”, di. “E con isto falamos de nenos e nenas que non teñan ningún problema”, aclara. “Asemade ao recibir tantos agasallos hai unha sobreestimulación e diminúese a capacidade de atención. O neno acaba seleccionando e o que máis ilusión lles fai é o simple acto de abrir un regalo tras outro e ver o que hai, polo que deixan de valorar o contido. Ademais coártase a creatividade”, considera a especialista.

O aconsellable

O ideal segundo Begoña Castro é que os nenos reciban dous ou tres regalos . “O recomendable é chegar a un consenso familiar e repartir as peticións. O sentido común e a lóxica sempre son os mellores aliados, e tamén nisto”, di. “Ademais é vital facer unha boa selección dos agasallos porque aínda hai moitos cargados de estereotipos machistas”, engade.

Outro consello é que un dos agasallos sexa un libro. “É bo mercarlles algo que lles apeteza ler ou incluso agasallalos cunha entrada de cine ou unha tarde de teatro”, di.

Por outra banda, recomenda sempre facer con eles a carta. “Agora moitas veces dáselle o catálogo da xoguetería de turno e escollen o que queren facendo cruces, algo moi pouco creativo. O ideal é que escriban varias cartas e si fan unha lista moi grande, aconsellarlles escoller dous ou tres regalos”, di.

Buzón para enviar las cartas a Papá Noel

Buzón para enviar las cartas a Papá Noel / PEXELS

Outro punto importante, considera, é ter en conta o factor sorpresa. É dicir, elixir algo que saibamos que queren aínda que non o pediran.

Por último, a psicóloga educativa recalca que os nenos moitas veces piden cousas que viron na televisión ou que lle viron a alguén e por iso é importante que os pais saiban seleccionar os xoguetes máis axeitados para cada etapa, para o que hai varias guías. “Os xoguetes son importantes porque sirven para reproducir situacións cotiás e son básicos para a súa socialización, pero hai que saber escoller”.