Pedro Blanco en Fitur: “Somos conscientes da riqueza e potencial da nosa terra”

Lembrou que o Goberno inviste 200 millóns de euros do Plan de Recuperación na modernización do sector turístico galego

Buscan enxalzar a riqueza dos concellos

No centro, Pedro Blanco (dereita) xunto a José Tomé Roca

No centro, Pedro Blanco (dereita) xunto a José Tomé Roca / CEDIDA

Fitur celebrou onte o seu segundo día e unha xornada máis, Galicia aproveitou para amosar todo o seu potencial como destino turístico. Ata Madrid desprazábase o delegado do Goberno, Pedro Blanco, con ánimo de presentar as campañas de promoción turística de varias administracións e entidades galegas.

Aproveitou a cita para enxalzar Galicia como un destino “sostible, dixital e verde”. E é que, dixo, o Goberno “inviste 200 millóns de euros do Plan de Recuperación na modernización do sector turístico galego”. Ao respecto asegurou que “somos conscientes da enorme riqueza que temos e do potencial da nosa terra”.

Tamén remarcou que o Goberno puxo en marcha na nosa comunidade 43 Plans de Sustentabilidade Turística e impulsou a restauración dos principais monumentos. “Facémolo porque queremos compartir con todas aquelas persoas que queiran achegarse a este privilexiado recuncho todos estes tesouros”.

Blanco insistiu en que a meta do Goberno é que os concellos galegos sexan unha referencia polo seu patrimonio, natureza, cultura e enogastronomía. Resaltou, ademais, que Galicia “ten no turismo un elemento esencial do desenvolemento económico e social, e o Goberno está poñendo todos os esforzos”.

Deputación de Lugo

Saborea a provincia de Lugo é o lema da campaña turística que a institución provincial escolleu para levar a Fitur. O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentaba onte no stand de Galicia esta proposta para amosar a “autenticidade e calidade dos produtos locais”, co obxectivo de posicionar á provincia como destino gastronómico de referencia a nivel internacional e fortalecer a súa oferta turística.

Tomé Roca expresou que “estamos orgullosos porque ano tras ano recibimos na nosa terra máis visitantes estranxeiros que nos coñecen porque a nosa oferta encaixa nos grandes paquetes dos operadores internacionais, pero tamén moitos visitantes doutros puntos de España, que consideran a provincia de Lugo como destino favorito ou preferente da Península”. Por moitos motivos diferentes, engadiu “para comer, para facer o camiño de Santiago, para participar no Arde Lucus, e no Resurrection Fest, para navegar polos Canóns do Miño e do Sil, pero todo o mundo marcha desexando volver e coa sensación de facer amigos”.

Deputación de Ourense

Tamén o xeodestino Trevinca-Valdeorras presentou onte na Feira Internacional de Turismo, en Madrid, o monográfico que protagoniza na publicación especializada Turismo Rural, cabeceira de referencia en España en materia de turismo de interior. A publicación forma parte das accións realizadas no marco do convenio da Deputación, a través do Inorde, e a Axencia de Turismo de Galicia, e distribuirase en toda España. Os nove municipios que integran este xeodestino únense no lema Terras que Saben: natureza, enoturismo, turismo industrial e o Camiño de Santiago.

“O monográfico de Turismo Rural sobre Trevinca-Valdeorras reúne en 16 páxinas os recursos diferenciadores deste destino, contribuíndo a xerar notoriedade do mesmo en todo o mercado nacional”, afirmou Rosendo Fernández. A través de cinco reportaxes ofrece unha viaxe polo xeodestino a través do seu patrimonio natural, histórico, gastronómico e industrial.

Fórum Gastronómico

Igualmente Ana Trevisani, directora de Galicia Fórum Gastronómico, presentou onte en Fitur as principais liñas da próxima edición de dito evento, que tal e como adiantou “céntrase na despensa galega e neses produtos do mar e a horta que nos diferencian e nos fan tan únicos”.

Trevisani definiu o evento como “unha magnífica plataforma de lanzamento e de promoción do talento dos mellores cociñeiros galegos” e un “gran foro de formación e reciclaxe” coa presenza de figuras internacionais da cociña.

Contará unha vez máis con varios escenarios como o Auditorio, no que haberá ponencias de cociñeiros e cociñeiras célebres no panorama actual; o Taller, con demostracións de cociña e degustacións; o Ágora, onde se presentan os produtos e servizos dos expositores da feira, e o FórumLab, “reservado á reflexión e o diálogo, e concibido como un ágora de pensamento gastronómico avanzado”.

Ademais, en colaboración con grandes marcas, escolas e profesionais galegos, Fórum conta con outros espazos monográficos como o Craft Beer Market; dedicado á cervexa artesá; o Cook Trends, un gran espazo de restauración donde degustar as últimas tendencias gastronómicas; e por último, o Wine Circus, un espazo específico de gastronomía líquida, que chega da man de INGAVI, Instituto Galego do Viño, no que se dan cita os mellores sumilleres, cocteleiros e prescritores do sector.