Premian o expositor galego en Fitur: a comunidade xa é unha das máis galardoadas

O xurado destacou o impacto visual e a operatividade do espazo para as actividades que teñen lugar no stand

A auga, este ano, define a identidade de Galicia

Antonio Casas, xerente de Turismo de Galicia, (1º esquerda) recolle o galardón de mans da directora da feira, María Valcarce

Antonio Casas, xerente de Turismo de Galicia, (1º esquerda) recolle o galardón de mans da directora da feira, María Valcarce / CEDIDA

O deseño, a atención ao público e o material de promoción do expositor galego foron merecedores dun premio por parte da organización de Fitur. Deste xeito, a nosa comunidade convértese nunha das máis galardoadas na historia do evento. O xerente de Turismo de Galicia, Antonio Casas, foi o encargado de recoller onte o galardón de mans da directora da feira, María Valcarce.

O xurado destacou sobre todo o impacto visual e a operatividade do espazo para as actividades que teñen lugar no expositor. O stand de Galicia, de máis de 1.000 metros, acolleu nestes tres primeiros días sobre medio cento de presentacións de destinos.

Ademais desta vez estreou un deseño orixinal que ten a auga como eixe temático e elemento que define a identidade da comunidade, como recurso natural e elemento vital do territorio. Deste xeito, representouse o mar, o termalismo, mananciais, ríos, fervenzas, encoros, lagoas, fontes e mesmo a choiva.

Na pasada edición, Turismo de Galicia xa obtivera o Premio ao Mellor Stand Sostible de Fitur. O xurado valorou tamén o coidado en aspectos como o impacto medioambiental, económico e social. Nesta edición utilizáronse de novo parámetros sostibles baseados na economía circular.

Ecoturismo

Máis alá do premio, continuaban no expositor galego as presentacións. Onte tocáballe o turno á Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas, que se consolidaba como o primeiro destino de ecoturismo de Galicia. Experiencias inolvidables é o nome da campaña promocional, que ten a auga como fío condutor.

A auga Mariñas Coruñesas oferta varias experiencias de ecoturismo coa agua como elemento que as guía. O turista pode gozar de propostas que combinan a natureza, o patrimonio, a gastronomía, a terra e o litoral e ríos do territorio.

“Seguir o camiño da auga na nosa reserva é andar ao bordo dun río, ver unha posta de sol xunto ao mar, probar produtos da horta mentres navegas pola costa ou descubrir as pedras dun antigo muíño”, afirmou Santiso. O presidente sostén que “merece moito a pena vivir Mariñas Coruñesas cos cinco sensos”.

Lugo

Onte ademais tocáballe a Lugo presentar a súa campaña Naturalmente irresistible. O delegado da área de Dinamización Económica e Relacións Institucionais, Mauricio Repetto, foi o encargado de presentar o novo spot da campaña, no que se pon en valor a riqueza patrimonial, gastronómica e paisaxística do municipio, así como as súas citas festivas máis emblemáticas: o San Froilán, o Arde Lucus e o Caudal Fest. “Lugo combina todos os ingredientes para ser un destino turístico de calidade e non masificado, cun enorme potencial histórico e natural –con tres Patrimonios da Humanidade e inmerso na Reserva da Biosfera Terras do Miño– así como gastronómico, piares sobre os que estamos a traballar dende o Concello para transformar o sector, xerando produtos e experiencias turísticas innovadoras, ao tempo que desestacionalizamos a oferta para conseguir que cada vez máis visitantes nos veñan a coñecer ao longo de todo o ano”, explicou o edil.

Repetto fixo fincapé na relevancia da gastronomía na promoción turística de Lugo cidade e provincia, “non só pola calidade dos nosos produtos locais, senón tamén pola riqueza das receitas para a súa preparación por parte dos nosos cociñeiros e hostaleiros, de aí o lema: …E para comer, Lugo! amplamente recoñecido”.

Ourense

Ourense tomaba tamén onte protogonismo no expositor galego. Por un lado, xeodestino Terras de Celanova-Serra do Xurés presentou a súa nova oferta de experiencias ecosostibles. A Deputación de Ourense puxo en marcha esta iniciativa que permitiu transformar 13 proxectos de emprendemento no xeodestino, tanto no ámbito da natureza, termalismo, gastronomía, cultura, deporte, en experiencias turísticas.

A través do Inorde –como ente xestior do xeodestino– e co apoio da Axencia de Turismo de Galicia, o obxectivo desta iniciativa é crear produtos turísticos en base aos recursos existentes no destino, sendo conscientes de que os visitantes demandan cada vez máis experiencias auténticas e sostibles. “Trátase de crear produtos turísticos diferenciados que só se poidan desfrutar neste territorio a través dos emprendedores locais”, explicou a xerente de Inorde, Emma González, encargada da presentación xunto á directora de Promoción Turística de Galicia, Carmen Pita.

Por outro lado, Expourense presentábase un ano máis en Fitur para mostrar as súas dúas ferias internacionais de turismo: Termatalia (26 a 28 de setembro) e Xantar (24 a 27 de outubro). É unha das dúas das seis citas internacionais de turismo recoñecidas polo Goberno de España (xunto á propia Fitur, Intur Valladolid, B-Travel Barcelona e TIS Sevilla).