Teófilo, 36 anos de vida en Santiago e un obxectivo: ser líderes en España

A empresa compostelá leva publicados máis de 570 títulos 

Entre os últimos traballos destaca un packaging con 4 tomos sobre Rosalía e un conto ilustrado de Luísa Villalta

Edición de Teófilo: ‘Rosalía de Castro, unha galega para un pobo, unha terra e unha fala'

Edición de Teófilo: ‘Rosalía de Castro, unha galega para un pobo, unha terra e unha fala' / CEDIDA

En Teófilo Comunicación cumpren 36 anos e fano satisfeitos por todo o conseguido ata o momento e cheos de ilusión por todo o que está por vir. A coñecida empresa compostelá abarca servizos tan variados como deseño gráfico e web, publicidade, community management, organización de eventos e deseño editorial. Ademais teñen unha marca téxtil chamada Jacobsland baixo a que fabrican prendas de roupa, zapatos e complementos que reinterpretan e actualizan elementos relacionados co Camiño.

No eido editorial, Teófilo pode presumir de levar publicados máis de 570 títulos e de ter influencia non só en Galicia, senón tamén a nivel nacional. O coidado do deseño ata o mínimo detalle é a marca da casa. “Buscamos sempre, aínda que sabemos que é difícil de conseguir, a excelencia nos traballos. É difícil chegar a ela, pero nós puxémonos ese obxectivo para lograr ser os mellores empaquetadores de libros do país”, indica o fundador da empresa, José Luis Teófilo.

“Buscamos sempre, aínda que sabemos que é difícil de conseguir, a excelencia nos traballos"

Entre as publicacións das que se senten máis orgullosos destacan, entre outras, algunhas nacionais como o Estatuto de Autonomía de España, unha caixa packaging que chegou ao Senado, edicións da Constitución do 78 ou o libro Los periodistas estábamos allí para contarlo, que presentaron no Congreso dos Deputados, e que aborda toda a época da Transición. “Tamén o libro sobre o roubo do Códice Calixtino, La Leyenda del Santo Oculto, nos levou a saír ao mercado nacional”, engade.

Libro 'Los periodistas estábamos allí para contarlo'

Libro 'Los periodistas estábamos allí para contarlo' / CEDIDA

Como libros centrados en Galicia José Luis Teófilo destacou todos aqueles que fixeron sobre o Camiño ou o Pórtico da Gloria, “pero para min o máis importante que fixemos foi Peixeiras de Vilaxoan: as mulleres de ferro. Foi onde nacín e foron as mulleres que me deron a vida, que me ensinaron a camiñar e a falar e me coidaron. É un libro precioso que mostra a esas mulleres de ferro con alma de mel que sacaron a toda unha xeración de galegos dos 80 do pozo da droga. Elas foron as que se enfrontaron aos narcotraficantes coa forza e valentía que tiñan”.

Rosalía

Teófilo acaba de publicar un fermoso packaging de catro tomos que alberga as obras de Rosalía de Castro: Cantares gallegos, Follas NovasEn las orillas del Sar e un pequena biografía da autora. “É unha publicación que se imprimiu en Padrón, se levou a coser a Santiago, onde ela naceu, e de Santiago foi para Barcelona, onde hai unha asociación centrada en Rosalía de Castro. Alí fixéronse os cantos de ouro, como se fai nos libros de igrexa. De aí partiu cara Oporto para o encadernamento, moi preto da Praza de Galicia, onde hai unha fonte cunha estatua de Rosalía. O estoxo que envolve todo fíxose en Valencia, onde tamén hai unha asociación para honrar a Rosalía de Castro”, detalla.

Esta edición, que viu a luz o mes pasado, no que se celebrou o 187 aniversario do nacemento da célebre autora galega, nacía co obxectivo de reunir “toda a poesía e sentimento que ten”, di. “Ela dicía que era un arpa de dúas cordas ateigada de imaxinación e sentimento. Toda esa poesía e a súa vida, había que reunila porque é merecedora de todo isto polo seu talento e por todo o que pasou dende que naceu. Eu vexo cada día o mesmo mar que vía ela cando viña a veranear a Carril, e que veu ver por última vez cando xa estaba moi enferma”, conta.

"Toda esa poesía e a súa vida, había que reunila porque é merecedora de todo isto polo seu talento e por todo o que pasou dende que naceu"

Luísa Villalta

Outra das últimas publicacións de Teófilo é un conto ilustrado sobre Luísa Villalta, a quen se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. Titúlase Luísa Villalta, a nosa estrela e trátase dunha obra moi especial porque está escrita pola irmá da autora, Susana Villalta, e conta con ilustracións creadas pola propia Susana e por Carolina, a filla desta e sobriña de Lucía. “Esta publicación ensina a parte máis humana de Luísa. Fala da súa vida coa súa familia e fai un percorrido pola súa infancia e xuventude”.

O conto ilustrada 'Luísa Villata, a nosa estrela'

O conto ilustrado 'Luísa Villalta, a nosa estrela' / CEDIDA

Luísa, conta José Luis Teófilo, era un muller todoterreo: “era escritora, violinista, profesora... Era moi valente e decidida, que é o que reflicte este libro. Estaba constantemente participando en actividades culturais e ten ben merecida esta honra”. Ademais é un libro perfecto para que os nenos se poidan achegar á figura de Luísa Villalta.

Proxectos

Teófilo ten entre mans unha gran cantidade de proxectos. Están imprimindo para publicar nunha caixa de xoiaría a Constituciónn do 78, que presentarán nun mes en Compostela. Tamén están facendo un packaging sobre Lorca e están traballando nun proxecto de arte cunha importante persoa a nivel nacional. Ademais atópanse de cheo cun libro de poesías dunha nena de Peleteiro, e outros sobre a Berenguela, o Camiño e a Ribeira Sacra, entre moitos outros.