‘O Faiado’, un podcast que combate o desuso do galego entre a mocidade

Unha xeración de alumnas de Ciencias da Comunicación non pasaba por deixar o uso da súa lingua natal no tradicional

Empezaron a locutar no seu propio proxecto co idioma, sempre, como fío condutor

As integrantes do Faiado, no estudio de radio da Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago.

As integrantes do Faiado, no estudio de radio da Facultade de Ciencias da Comunicación en Santiago. / JAIME PENA

Jaime Pena

A porcentaxe de xente nova que nunca fala en galego disparouse en 15 puntos na última década, do 29% ao 44%. Hai esperanza, xeracións de mozas como as do Faiado aínda queren seguir camiñando co galego e coa súa cultura. Ante unha xuventude que relega o uso da lingua ao mundo tradicional, Carlota, Malena, Claudia, Laura, Eva, Leila, Iria Fernández e Iria Ramos decidiron facer un podcast, integramente en galego, que falase de temas cos que se identifican elas e a xente máis nova, pero sempre en galego.

O feito de que a lingua empregada sexa o galego non foi premeditado. Todas as integrantes do podcast emprégano no seu día a día, polo que afirman que non houbo un debate como tal de cal sería o idioma do proxecto. As locutoras lamentan recibir moitas veces a pregunta de por que en galego e non en castelán, cando afirman que se a iniciativa fose dende o primeiro momento en castelán, nunca lles formularían esa pregunta. “Facemos o contido que nos gusta, igual eu falo máis de Dua Lipa e non tanto de Rosalía de Castro, pero non por iso ten que deixar de ser en galego. Non é necesario que a lingua teña que estar sempre ligada ao mundo tradicional. É en galego simplemente porque é a nosa lingua, non é que tivésemos que escollelo”, contempla Iria Fernández.

Para elas, o obxectivo desta práctica audiovisual é crear un espazo de comunidade no que a mocidade se sinta identificada. “Queremos facer un contido que nós tamén consumiríamos. Adoitamos falar de cousas nas que empregamos unha serie de memes presentes nas nosas conversas cotiás e que nos divirten, así que ao final trátase tan só de facer un pouco o que nós veríamos para que tamén a xente o vexa e o goce”, conta Claudia.

Nas primeiras reunións as locutoras intentaron buscar varios nomes a través dunha choiva de ideas, mais había moitos no aire. “Intentamos atopar algún nome enxebre ou que tivese relación con Galicia, e a miña nai propuxo O Faiado. Nunca o descartamos e ao final acabou sendo o nome que máis nos representaba”, explica Iria Ramos.

Coa idea de querer gravalo na facultade na que estudaban, decidiron comentar no decanato a idea, e dende o primeiro momento ofrecéronlles todo o apoio, tan só tiñan que pedir o prazo en material e montar o equipo da cabina de radio, con todas as facilidades.

O nacemento do Faiado

Un día de verán, estas rapazas tiveron a idea de aproveitar as instalacións da facultade da USC na que estudaban Xornalismo para aprender a usar as cámaras e ter soltura diante dos focos, xa que afirman que tiñan máis ganas deste tipo de prácticas en medios audiovisuais, máis que de prensa escrita. As autoras afirman que na súa clase había moita xente que se quería enfocar máis nesta rama da profesión a nivel profesional no futuro, e que isto foi “unha forma de gañar experiencia nese aspecto, non tan só coas cámaras, senón tamén coa mesa de mesturas, co programa de edición ou coa xestión das redes sociais”, relata Iria Fernández. Así naceu O Faiado.

Os invitados

O podcast adoita ter convidados todas as semanas. As universitarias explican que o que facían era propoñer unha lista de temas que lles puideran interesar, como os festivais ou os reality shows, polo que buscaban a unha persoa que se puidera adaptar ás condicións e desenvolverse no tema. “Pensamos tamén en xente que puidese encaixar co estilo das cousas das que nós falamos, que fosen creadores de contido en Galicia. Artistas como músicos, pintores ou escritores. Xente nova que fai cousas chulas. Ademais, dámoslles o seu espazo no inicio do programa para que presenten ante os espectadores os seus proxectos persoais”, apuntaba Claudia.

E é que ao final este grupo de mozas xornalistas pensa que a importancia dunha lingua é a fala, e de non estar caladas, elas, saben moito.