Un roteiro virtual e interactivo invita a coñecer os recunchos e a historia do Castelo de Vimianzo

Alumnos do IES Terra de Soneira estrearon o proxecto 'Game of Fortes: a ameaza clerical' // Trátase dunha experiencia inmersiva en 8D con son binaural

Alumnos do IES Terra de Soneira no Castelo de Vimianzo

Alumnos do IES Terra de Soneira no Castelo de Vimianzo / Cedida

Suso Souto

O alumnado do IES Terra de Soneira inaugurou o roteiro virtual interactivo Game of Fortes: a ameaza clerical, a través do cal descubriron diferentes recunchos e segredos do Castelo de Vimianzo ao longo da historia.

Trátase dunha iniciativa desenvolta polas compañías teatrais Limiar e NegroLópez, en colaboración co Concello. O proxecto creouse co obxectivo de poñer en valor e difundir o coñecemento sobre as figuras, lugares e momentos dunha das etapas de maior esplendor da historia galega.

Trátase dunha experiencia inmersiva en 8D (son binaural) a través da cal os participantes percorren as diferentes partes do Castelo, introducíndose nos contidos históricos máis relevantes dos séculos XIV e XV.

Mediante diferentes códigos QR, faise un repaso polas loitas de poder entre a nobreza e o clero, a vida das clases populares e a divulgación dos mitos e as lendas que envolven este espazo cunha escoita teatralizada de todos estes feitos.

O público xeral poderá gozar desta iniciativa a partir de maio. Só será preciso ter un móbil con conexión a Internet e uns cascos.