O temor de Pontón para liderar o BNG: “Podía acabar sendo a persoa que enterrara o Bloque”

EL CORREO GALLEGO accede a un extracto da primeira biografía da política de Sarria, que lembra a asemblea na que foi elixida voceira: “Se chego a ser un tío tería dito que non”

Imaxe da cuberta de 'Descubrindo Ana Pontón', de Suso de Toro

Imaxe da cuberta de 'Descubrindo Ana Pontón', de Suso de Toro / Xerais

Ana Pontón (Sarria, 1977) non imaxinou nunca que acabaría liderando o BNG, pero no 2016, nas horas máis baixas da organización nacionalista, cando pensaba en retomar a súa vida profesional e proxectos persoais que deixara aparcados, asume, tras meditalo moito, o reto de liderar a formación e ser candidata á Presidencia da Xunta. Un dos momentos máis transcendentais da súa traxectoria vital e política que rememora en Descubrindo Ana Pontón, o primeiro libro biográfico da dirixente nacionalista, escrito por Suso de Toro e que sae á venda en outubro da man da editorial Xerais.

EL CORREO GALLEGO tivo acceso en exclusiva ao extracto do libro no que Pontón lembra como foi aquela asemblea do BNG de 2016, coas feridas que deixara a cita de Amio de 2012 aínda supurando. “Dentro da organización había persoas de peso que estaban absolutamente convencidas de que era moi difícil que o BNG levantase cabeza”, evoca na conversa con Suso de Toro.

O proceso despois de Amio foi “moi duro” para ela, “desde o punto de vista político e tamén persoal”. “Aínda que poida haber xente que non o crea non me gusta nada discutir”, argumenta. Sentíase “esgotada” e xa tomara a decisión de non seguir na Executiva nacional do Bloque. “Pensaba que debían estar outras persoas”, relata sobre un momento en que o que lle pedía o corpo era “saír da institucionalidade e facer a miña vida”.

Pero naquela asemblea de finais de febreiro de hai sete anos, nun momento en que o BNG era a cuarta forza do Parlamento, con sete deputados fronte aos nove que conseguira a AGE de Xosé Manuel Beiras en 2012, comezan as presións para que asuma o reto de liderar o Bloque. “Custoume moito tomar esa decisión”, recorda. Dunha parte, supoñía cambiar “todo o que xa tiña previsto”. Doutra, o reto era maiúsculo.

Un desafío que precisamente chegaba cando “moita xente, mesmo de dentro” pensaba que todo rematara. “Podía ser que eu acabase sendo 'a persoa que ía enterrar o BNG'”, cóntalle a De Toro.

La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón /cedida

La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón / cedida

Finalmente, impúxose a lealdade á organización na que levaba daquela máis de vinte anos militando, dende que con 16 se afiliou a Galiza Nova. Pero na decisión pesou tamén o feito de ser muller. A mesma Pontón cre que, de non estar atravesando unha crise tan profunda, o Bloque non tería apostado a priori por unha muller nova.

Ao verse ante o cantil foi consciente de que tiña que dar ese paso ao fronte. Como lle explica a De Toro, as mulleres “para gañar espazos e abrir camiño a outras” teñen que “coller as oportunidades aínda que veñan cargadas de moitísimos riscos”.

Catro anos despois daquela asemblea, nas autonómicas de 2020, Pontón lograría os mellores resultados na historia do Bloque, situando a organización como segunda forza no Parlamento, con 19 de 75 deputados, superando o teito histórico do nacionalismo que lograra Beiras cos 18 escanos conseguidos nos comicios de 1997.

La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón, en su comparecencia al cierre de las urnas

La portavoz nacional del BNG, Ana Pontón, en su comparecencia al cierre de las urnas tras las elecciones generales / EUROPA PRESS

“Sempre pensei que se faciamos ben as cousas, o BNG tiña espazo político e social para ser a forza maioritaria e liderar o país”, asevera Pontón na conversa, na que Suso de Toro emprega o recurso da entrevista para facer un retrato persoal e político da líder nacionalista, dende a súa infancia na aldea de Chorente, en Sarria, e ata a campaña das eleccións municipais do 28 de maio.

Reflexións ás que se suman aportacións de persoas próximas no familiar, o persoal e o político, que completan o relato sobre quen é Ana Pontón e como evolucionou a organización que lidera e coa que aspira a converterse en presidenta da Xunta.

[object Object]

Ana Pontón: (...) Custoume moito tomar esa decisión, que era aceptar ser portavoz do BNG e ser candidata á Xunta. Custoume, primeiro, porque tiña que cambiar todo o que xa tiña previsto. Segundo, porque che estaban ofrecendo dirixir o BNG cando moita xente, mesmo de dentro, pensaba que isto xa acabara e podía ser que eu acabase sendo «a persoa que ía enterrar o BNG». Pero tamén son unha persoa moi fiel á organización e era consciente de que se as persoas que estiveramos en primeira liña contribuíamos a unha desbandada estariamos fallando a todo aquilo polo que loitaramos antes.

E tamén, outro factor que para min foi moi importante, era por ser muller. Porque verdadeiramente creo que se non fose porque houbo unha crise política tan grande nunca se tería apostado por unha muller, estou convencida. Estou convencida de que se o Bloque non tivese unha crise desas características dubido moito de que a opción pola que apostase a priori fose unha muller nova.

En certa maneira a nós púxosenos por diante nun momento de crise, isto tamén está estudado polo feminismo, as «mulleres ante os cantís». Que cando as cousas van mal recorren ás mulleres para que se poñan diante, danche paso e tamén te están botando a un acantilado.

Tamén me influíu o ser muller, claro. Pensa que as mulleres, para gañar espazos e abrir camiño a outras, temos que coller as oportunidades aínda que veñan cargadas de moitísimos riscos. Ese foi quizais un dos factores que máis me pesou. Creo que se chego a ser un tío tería dito que non.

Ás mulleres en política infravalórasenos. Sei que algunha vez se dixo de min que non aguantaría a presión, cuestión que non deixa de ser unha apreciación totalmente subxectiva. É certo que os liderados masculinos están máis asentados na sociedade porque é o que foi maioritario.

(Extracto do libro Descubrindo Ana Pontón, de Suso de Toro)