NOVO PLAN DO CONCELLO

Diálogo e acompañamento: Raxoi reacciona ante a depresión e os intentos de suicidio da mocidade

Xuventude lanza a súa terceira iniciativa a prol da saúde mental dos menores

A iniciativa que agora abre convocatoria súmase aos obradoiros contra a adicción ás pantallas e ao Teatro Foro

A porcentaxe de adolescentes que afirmaban non ter experimentado ningún problema de saúde metal pasou do 60 ao 30%

A porcentaxe de adolescentes que afirmaban non ter experimentado ningún problema de saúde metal pasou do 60 ao 30% / Cedida

Unicef indica que o 21% dos mozos e mozas de entre 10 e 19 anos sofren algún tipo de transtorno mental (depresión, desordes alimentarios, défice de conduta ou de atención...), un informe de 2022 elaborado pola USC marca que case o 18% dos adolescentes galegos padecían depresión e un 13% tiñan ideas suicidas e, en tan só cinco anos, a porcentaxe de adolescentes que afirmaban non ter experimentado ningún problema de saúde mental pasou do 66,2% ao 36,6%.

Todos estes datos dábanse a coñecer este xoves no Pazo de Raxoi, onde a edil de Xuventude, María Rozas, presentou a nova iniciativa do Goberno local para colaborar na promoción da saúde mental nos centros educativos da cidade. Xunto a ela, Carlos Martínez Uzul, coordinador técnico de Itínera (asociación de voluntarios pro saúde mental), os monitores que impartiran os talleres -Pablo López e Andrea Romero- e os técnicos de Xuventude do Concello.

Trátase dunha serie de talleres e charlas divulgativas para alumnado de entre 10 e 16 anos, é dicir, de 5° de Primaria a 4° da ESO, cuxa convocatoria está aberta e comunicada aos centros de ensino da cidade. A metoloxía, contaron, estará ligada "ao diálogo" coa mocidade, para que sexa ela mesma a que aflore as súas problemáticas ou preocupacións.

"Necesitamos ser proactivos e non reactivos", afirmaba Carlos Martínez, se queremos que en catro anos todo siga funcionando "debemos actuar agora na xente nova para evitar que unha depresión puntual se convirta nalgo crónico" coa meta en "evitar esta cronicidade, problemas de illamento das persoas e padecemento do estigma" e administrar ferramentas á xente nova durante os anos da adolescencia. Entre as cuestións a tratar estarán a adicción ás apostas e ás redes sociais, autolesións (máis frecuentes entre as mozas), a depresión, o acoso ou os transtornos de personalidade, que antes chegaban dunha maneira máis tanxencial pero que na actualidade son máis frecuentes. "Trátase de conseguir actúar sobre a saúde mental, non só en termos sanitarios ou terapéuticos, senón tamén sociais, para evitar o estigma", asegurou Martínez.

Os monitores deste talleres explicaron que as dinámicas de traballo mudarán en función das dinámicas e das problemáticas que se atopen, pero en calquera caso traballarase "dende a conversa bidireccional, se falamos nós máis non vai ben", din, e promovendo a iniciativa no discurso do propio alumnado. Achegaráselles aos adolescentes información sobre intelixencia emocional ou estereotipos de saúde mental para evitar tamén a estigmatización da mesma.

"Traballaremos dinámicas orientadas a que eles falen e que nos permitan coñecer o seu contexto, a súa situación familiar e a súa relación dentro do grupo", explicou Andrea Romero, unha das monitoras, que tamén fixo referencia á afectación da pandemia e do confinamento nos máis novos e á perda de habilidades sociais. Romero engadiu que as charlas tamén tratan de enfocar o alumnao a que tipo de estereotipos teñen da saúde mental e a que normalicen que todos podemos ter nalgún momento algún problema de saúde mental.

Un proxecto que vai máis alá

Esta convocatoria para centros escolares, deseñada para que os colexios poidan solicitar os talleres durante o ano natural e non escolar -existe a posibilidade de ofrecer obradoiros no verán-, "a disposición das necesidades do centro", recalcou María Rozas- non se cingue unicamente á charla divulgativa. A pesar de que a concelleira lembrou que as competencias sobre saúde e saúde mental recaen no Sergas (Xunta de Galicia) "dende o departamento de Mocidade, preocupados pola situación, queriamos poñer a andar esta iniciativa".

Carlos Martínez explicou que este ano se implementará unha segunda fase coa creación de grupos de axuda, acompañamento e mentorado, círculos de conversa, talleres de habilidades sociais ou arteterapia para aqueles alumnos que teñan algún problema, sempre en coordinación cos centros.

Esta segunda fase levarase a cabo sempre que o soliciten os centros e adaptadas ao calendario do que dispoña o colexio. Así foi xa a primeira edición do programa, máis divulgativa, e levada a cabo no segundo semestre de 2023, cando se chegou a sete centros educativos e realizáronse 40 intervencións nas que participaron 971alumnos, unhas cifras que agardan superar nesta convocatoria.

Tres proxectos pro saúde mental

A edil María Rozas explicou que esta iniciativa se suma a outras dúas que xa ten en marcha e con convocatoria aberta: Teatro Foro e os obradoiros de prevención da adicción á pantalla e contra o ciberacoso -que se iniciarán o próximo mes-. En ambas as dúas iniciativas a participación do alumnado é central, no Teatro Foro "son eles mesmos os que deciden e interpretan as cuestións a tratar, o que a eles lles preocupa", lembrou Rozas.

No caso dos obradoiros de prevención da adicción ás pantallas, aínda que a iniciativa do Concello parte da comunidade educativa, tamén se asenta o protagonismo no alumnado, sendo os mozos e mozas os que leven, de novo, a iniciativa no diálogo sobre o tempo de uso das pantallas, os espazos nos que este se leva a cabo... Nesta última iniciativa hai xa cinco centros inscritos pero a convocatoria segue aberta.

María Rozas non quixo deixar de reiterar a preocupación do Goberno local pola saúde mental, "un problema non só sanitario senón social" que demostra a comunidade educativa, os centros escolares, a socieade "cada vez fálase máis dos problemas de saúde mental" e tamén os mozos e mozas. Como mostra disto último lembrou que as charlas sobre saúde mental foron unha das dez iniciativas máis votadas entre as propostas para os orzamentos participativos da mocidade e presentadas hai uns días e sobre o que recalcou a concelleira, "nas asembleas abertas era unha cuestión recorrente".