Conta atrás para as Festas de San Marcos de Noia

Arrancan coa exposición da maquinaria agrícola e a tradicional Feira Cabalar » Haberá concertos, verbena e xogos para os nenos

B.C.

Noia vive dende mañá, 25 de abril, e ata o domingo 28 unha das citas máis agardadas no municipio: as festas de San Marcos. O tradicional festexo arrancará cunha exposición de maquinaria agrícola na rúa Escultor Ferreiro e en Porta da Vila, e ás 10.00 horas inaugurarase un dos pratos fortes de sempre: a Feira Cabalar en San Lázaro. Ao mediodía oficiarase a misa solemne con procesión en Santa Cristina de Barro. A verbena estará amenizada pola orquestra París de Noia.

O venres 26 haberá un concerto da Banda de Música de Noia ás 18.00 na Praza da Constitución; así como outro de Xisco Feijoó ás 21.30 en O Tapa. A verbena correrá a cargo da orquestra New York.

O sábado 27 os máis pequenos poderán gozar dos inchables na rúa do Curro; haberá concerto en O Tapal ás 21.30 con Flow del Norte, Boomers e co tributo a Sabina de Los del pirata cojo. A verbena estará protagonizada por Metrópolis.

O último día, o domingo 28, haberá dúas foliadas con grupos da zona (ás 11.00 e ás 17.00). O programa pecharase coa actuación de Trobeiros da Ponte ás 20.00 na rúa do Curro.

As Festas de San Marcos chegan repletas de novas actividades, dispostas a superarse e a atraer tanto a veciños como xente da contorna. Durante catro xornadas, as rúas da vila énchense de millóns de persoas que desfrutan do amplo programa lúdico e cultural das festas, que inclúe atraccións de feira, verbena, concertos, música tradicional, exhibicións deportivas, mostras de pinturas, entre outras actividades.

Ademais, como se dixo, o propio día 25 teñen lugar dous importantes eventos tradicionais: a feira cabalar, unha das máis antigas de Galicia, onde ademais da compravenda de cabalos hai tamén exhibicións de beleza, concursos hípicos e certames de raza que atraen a público de toda Galicia; e a feira de maquinaria agrícola e industrial, onde se expoñen as últimas novidades do sector.

Este ano o cartel da festa realizouno o veciño de Noia Alfonso Barreiro, máis coñecido como Fon, “gran debuxante e ilustrador”, indican dende a organización.

ESPECIAL PDF DAS FESTAS DO SAN MARCOS EN NOIA 2024

ESPECIAL PDF DAS FESTAS DO SAN MARCOS EN NOIA 2024

ESPECIAL PDF DAS FESTAS DO SAN MARCOS EN NOIA 2024