Ciclo de curtametraxes e coloquio con Xacio Baño no Numax 

Hoxe ás 20:30 horas terá lugar o evento Unha imaxe é tamén outra imaxe no Numax. Nesta cita, farase un visionado de catro curtametraxes de Xacio Baño, unhas obras que xiran arredor da imaxe fotográfica.

O visionado de Augas abisais, Contra o inverno, Platónico, platónica e a presentación de Non te vexo, irán acompañadas dun coloquio co director. Este evento forma parte do ciclo Os ollos verdes, adicado ao cine inédito, e custa 5,90 euros.

Debate no Ateneo con Santos Solla e Candela

Os Luns do Ateneo trae unha nova proposta unha semana máis, e hoxe toca unha mesa redonda na que se debaterá arredor do modelo turístico desta cidade, titulada Repensar o turismo en Santiago.

Xosé Santos Solla e Francisco Candela CEDIDA

O acto, que terá lugar ás 19.30h na Rúa do Vilar, 19, contará coa participación de dous expertos en turismo. Por un lado, o Catedrático de Xeografía Humana da USC Xosé Santos Solla, expoñerá unha análise da cidade de Santiago como destino turístico.

Por outro lado, Francisco Candela, Licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, encargarase de explicar a parte económica do asunto. Ao final daranse os puntos claves para un cambio de modelo que avance cara á sustentabilidade. O acceso á mesa redonda será libre ata completar a capacidade da sala.

Coloquio polo Día de Europa na USC

Co Día de Europa preto, a USC, en conxunto coa Oficina EUniWell e o Centro de Estudos e Documentación Europeos, celebrará a festividade cunha conferencia para hoxe, ás 12:00 na sala de xuntas da Facultade de Dereito.

A profesora de Relacións Internacionais da Universidade Complutense de Madrid, Mercedes Guinea, dará a charla Está a UE en risco mortal? Desafíos actuais e futuros para a próxima lexislatura do Parlamento Europeo.

Rock na Galiciana co galego Gabriel Estrada

Na Galiciana seguen empeñados en que os luns deixen de ser os días malditos, e desta vez teremos ao músico Gabriel Estrada para cambiarlle a cara ao inicio da semana.

Gabriel Estrada é un músico e actor estradense que foi dobremente elixido como a Canción do Verán da TVG en 2017 e 2018.

Gabriel Estrada BERNABE / CRIS M. V.

O repertorio que toca móvese entre o xénero rock e covers de temas coñecidos. O concerto será ás 21:30 na Galiciana, con entrada de balde, para poder desfrutar da música en vivo no comezo da semana.