A Mostra de Teatro Xosé Agrelo dá protagonismo aos grupos locais e convida a todos os escolares

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello participará no acto da ofrenda

Presentación da XVI Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros

Presentación da XVI Mostra de Teatro Xosé Agrelo de Muros / C. MUROS

A XVI Mostra de Teatro Xosé Agrelo, enmarcada no Mes das Letras Galegas de Muros, dará un maior protagonismo aos grupos locais. Un respaldo visible xa no cartaz, protagonizado por actores e actrices muradáns, que o Concello quere que sirva como unha homenaxe ao tecido teatral local. Ao escenario subirán este ano as compañías O Xeito Teatro, Adibismur, Aquelando Teatro e Quenchedera Teatro.

Na presentación participaron a alcaldesa, María Lago; a concelleira de Lingua, Laura Rivadeneira; a edil Sandra Maneiro; o concelleiro Damián Torea, e representantes dos referidos grupos teatrais.

Laura Rivadeneira incidiu “na importancia de que o teatro chegue aos nenos e nenas e por iso nesta mostra todo o alumnado de Muros verá algunha representación”.

O 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello participará no acto da ofrenda a Xosé Agrelo ás 13.30 horas na Alameda de Esteiro. Nesa xornada haberá actuacións musicais, así como charlas e presentacións de libros ao longo do mes.