Sector primario, mocidade e veciños terán ao seu servizo a antiga reitoral de Montemaior

A reforma será financiada polo Concello da Laracha e a Xunta.

A reforma será financiada polo Concello da Laracha e a Xunta. / CEDIDA

A antiga casa reitoral da parroquia de Montemaior vai ser transformada polo Concello da Laracha nunha edificación multifuncional para ofrecer á cidadanía un novo espazo que sirva de punto de encontro para a veciñanza, centro de referencia para o sector primario e albergue xuvenil, entre outros usos.

O proxecto da reforma integral está en fase de licitación, sendo o 4 de abril a data límite para a presentación de ofertas. A actuación deseñada por Naos Arquitectura respectará a estrutura do edificio, pero cunha nova distribución. A planta baixa quedará dividida en varias estancias mediante tabiques móbiles que permitirán flexibilizar os espazos. Tamén será recuperada a zona da lareira e crearase unha habitación adaptada.

No primeiro andar habilitaranse seis dormitorios e no exterior, unha zona pública de reunión.

O orzamento do proxecto ascende a 713.000 €, que o Concello financiará integramente co apoio da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia a través do Fondo de Cooperación.