Bergantiños arrasou no certame Enreguéifate e Cruces, Boiro, Teo e Santiago levaron premio

Carballo, Coristanco e a capital galega acadaron dous galardóns entre os 56 traballos presentados

A cerimonia de entrega vai chegar o 3 de abril pola mañá ao compostelán Teatro Principal

A regueifa mellor falada foi a de Regueifeiros de Razo titulada ‘Regueifa en Razo’, Carballo

A regueifa mellor falada foi a de Regueifeiros de Razo titulada ‘Regueifa en Razo’, Carballo / Enreguéifate

O certame Enreguéifate, proxecto impulsado polos concellos de Ames, Carballo, Pontevedra, Santiago e Teo para apoiar a difusión da improvisación oral en verso (regueifa), xa ten gañadores entre os 56 traballos recibidos. E a de Bergantiños foi unha das comarcas con máis podios (cinco), aínda que Boiro, Teo, Santiago ou Cruces, entre outros, obtiveron premio. A entrega será no Teatro Principal compostelán o 3 de abril, 11.00 h., e conducirán Manolo Maseda, Séchu Sende, Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e Nuria das Cruces.

Sección xeral

Así, na categoría xeral gañou, entre as regueifas máis bravas, Cumbio do Choque, de Arrieiro e Chaminho (Malpica); a máis aguda foi Vai de Voda, da Escola de Regueifa de Carballo; a máis diversa, a Regueifa pola saúde mental, de Teiseiros Regueifeiros (Vigo); a máis reivindicativa, Regueifa de coidar a terriña, de Iván e Aroa (Teo); a mellor cantada, Sempre vida, do Grupo xuvenil da terceira idade de Poio; ao tempo que a mellor falada recaeu en Os deberes, presentada por As da Muiñeira, de Coristanco.

Categoría escolar

Na categoría escolar, a proposta máis brava foi á de Os máis bravos, do CEIP de Bormoio, Coristanco con Queremos moito ás nosas profes; a máis aguda, Regueifando apréndese mellor, de Regueifeirxs da Chá, IES Basanta de Vilalba; a más diversa correu a cargo dos rapaces de 2º B do CEIP santiagués Quiroga Palacios, e titúlase O noso Entroido; a máis reivindicativa, a dos alumnos de 6º EP do CEIP Plurilingüe Santa María do Castro (Boiro), titulada O granulado non é pasado; a mellor cantada, A nosa música na nosa voz, das Regueifeiras do Camballón do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces); e a mellor falada aportárona os Regueifeiros de Razo, de CEIP Plurilingüe Nétoma-Razo (Carballo), e titúlase Regueifa en Razo. Por último, o accésit á regueifa máis inclusiva foi para Todo isto son mentiras, de Noa e Martín (IES Fraguas de Santiago).

Residencias artísticas con Chévere e Sieira

Por outra banda, e despois de que o Concello de Ames divulgara os resultados do Enreguéifate, a concellaría de Cultura amesá confirmou varias residencias artísticas no auditorio do Milladoiro para creadores e compañías profesionais das artes escénicas. E o Grupo Chévere e a compañía de danza de Fran Sieira serán as que comecen. A primeira compañía organizará o 24 de abril ás 19.00 horas nese auditorio un obradoiro para quen desexe saber máis sobre a obra Helen Keller, a muller marabilla? que se presentará en Bertamiráns o 26 de abril. E Sieira terá como actividade de mediación un taller práctico para achegar ao público ás artes do movemento, o 9 de abril ás 19.00 horas. Os interesados en sumarse –so hai vinte prazas por cada actividade formativa– terán que formalizar as anotacións por email (cultura@concellodeames.gal) a partir do vindeiro día 1 de abril.