Padrón recolleu 5.000 quilos de aceite de cociña usado e evitou a emisión de 15 toneladas de CO2

A reciclaxe deste residuo durante o pasado ano conseguiu frenar a contaminación de 5,5 millóns de litros de auga no municipio

Os contenedores de residuos dedicados á recollida de aceite usado tiveron un bo uso. Ayto. padrón

Os contenedores de residuos dedicados á recollida de aceite usado tiveron un bo uso. Ayto. padrón / REDACCIÓN

Redacción

O Concello de Padrón recolleu ao longo do pasado ano 5.009 quilogramos de aceite de uso doméstico nos 25 colectores repartidos entre o casco urbano e os núcleos rurais do municipio. Así o recolle o informe remitido ao Concello por Green Ambiental, o xestor autorizado pola Xunta para a recollida e tratamento deste tipo de residuos.

A implantación destes colectores supón un paso máis na aposta do goberno local por manter un Padrón máis limpo e preservar o medio ambiente. E, neste senso, o concelleiro de Recollida e Tratamento de Residuos, Javier Guillán, subliña que o equipo de goberno puxo tamén en marcha a campaña de reparto de composteiros domésticos de xeito gratuíto entre a veciñanza, “dos que xa se levan entregados preto dun centenar, e estamos a traballar para completar a rede de contedores de reciclaxe coa implantación do colector marrón para restos orgánicos”.

Segundo o informe de Green Ambiental, os 5.009 quilos de aceite reciclado en Padrón, unha vez transformados en biocarburante, xeraron un aforro de emisións de CO2 á atmosfera de 15,02 toneladas, e a súa recollida evitou a contaminación de 5.509.900 litros de auga durante o pasado ano.

Estes datos poñen de relevo o esforzo levado a cabo polo equipo de goberno nestes últimos anos para preservar o medio ambiente, dotando á cidadanía de colector axeitados e eliminando posibles focos de contaminación. Neste senso, Javier Guillán explica que en Padrón só había un colector de recollida de aceite de cociña de titularidade privada, situado xunto ao supermercado Eroski. “Vimos a necesidade e traballamos con tesón para que a veciñanza dispuxera de contedores apropiados onde depositar este residuo. Pasamos de non ter ningún a dispoñer de 25”, indica o edil padronés.

O equipo de goberno está traballando para implantar no municipio o colector marrón, destinado á fracción orgánica. “Este colector sumarase aos que xa dispoñemos nas illas do casco urbano e no rural como son o amarelo, o verde, o de cartón, o de vidro e o de aceite”, subliña Guillán. O edil é consciente de que este colector marrón terá máis acollida na zona urbana que no rural, onde os restos orgánicos serven para alimentar aos animais ou para facer abono.