Convidan aos partidos a coñecer a evolución da obra de restauración de pasivos da antiga mina de Touro

O colectivo que defende a sustentabilidade do proxecto destaca que “implicará a creación de 800 empregos directos e 1.600 indirectos”

Participantes na Festa Mineira o pasado día 24, que segundo os organizadores reuniu a 3.000 persoas / A.M.T.P.

Participantes na Festa Mineira o pasado día 24, que segundo os organizadores reuniu a 3.000 persoas / A.M.T.P. / redacción

Redacción

A consecuencia da celebración da Festa da Asociación de Mineiros Touro-O Pino o pasado día 24, os membros da directiva da entidade dispuxéronse a convidar aos distintos partidos políticos do Concello de Arzúa e así dar a coñecer o proxecto da posta en marcha da mina.

Dende o colectivo informouse dos avances no proxecto das obras de restauración de pasivos da antiga mina, así como da súa explotación.

“Isto implicará a creación de oitocentos postos de traballo directos e ao redor de mil seiscentos indirectos, algo que, sen dúbida, beneficiará á comarca de Arzúa”, explican ao respecto dende a entidade.

“Esta localidade, capital da comarca, pode dar acollida a gran parte dos futuros traballadores e ás súas familias, así como a empresas que lle darán servizo”, engaden.

Asimesmo, explican que “a resposta dos distintos partidos foi aprazar o contacto para outro momento, coa excepción do Partido Popular. A Rafael Rivadulla, voceiro do grupo municipal popular, paraceulle unha oportunidade que non se podía deixar pasar de longo e dispúxose a manter unha reunión coa Asociación de Mineiros Touro-O Pino, na cal amosou o seu apoio a unha oportunidade de facer medrar Arzúa e a súa economía, e recuperar a poboación perdida nas últimas décadas”, informaron nun comunicado.

“Por parte da asociación estamos agradecidos, dado que contamos cunha ampla representación dos populares arzuáns na nosa festa. Estes mostraron gran interese por todos os avances e novidades do proxecto”, sinalan dende dita entidade.

Por outra banda, anuncian que “a asociación retomará no futuro o contacto cos demais partidos políticos, para que, ao igual que fixo o Partido Popular, poidan ter a oportunidade de realizar unha visita guiada ós terreos da mina e darlles a coñecer todo o traballo que se está a facer por parte da asociación e da empresa”.

Segundo aseguran, foron unhas 3.000 as persoas que asistiron á Festa Mineira “a manifestar o seu apoio a un futuro industrial e mineiro, e ao desenvolvemento social, económico e ambiental da nosa terra”.