Unha reforma dotará ó CEIP Cernadas de Castro de novo teito e de illamento exterior

Imaxe da visita este xoves o CPI Cernadas de Castro

Imaxe da visita este xoves o CPI Cernadas de Castro / Twitter

Redacción

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado pola alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, visitou este xoves o CPI Cernadas de Castro para anunciar un investimento de máis de 590.000 euros para levar a cabo a substitución das fiestras e a renovación do sistema de illamento térmico exterior do edificio de Infantil e da parte nova do edificio principal. As obras serán acometidas durante o verán para que o colexio estea listo para o inicio do curso 2023-2024.

“Imos licitar inmediatamente esta actuación, moi importante para proporcionarlle ao centro un illamento exterior e para substituír todas aquelas fiestras por un modelo moito máis actual que mellore tanto o illamento térmico como acústico”, anunciou o delegado da Xunta, quen salientou que “este é un dos centros onde a colaboración entre o equipo directivo do colexio e o Concello é máis evidente”.

Pola súa banda, a directora do colexio lousamiá, Pilar Cobas, agradeceulle á Xunta “que o noso centro fose un dos elixidos no marco do programa de Arquitectura Pedagóxica e ao Concello porque a colaboración con eles foi plena dende o primeiro momento”.

Así mesmo, anunciou que “imos abordar dúas obras máis pequenas, como a renovación do teito do pavillón de Infantil, que é a única que non ten a cuberta nova, e poremos unha pasarela entre dúas zonas cubertas porque temos problemas de humidades e ás veces queda desaproveitado o patio cuberto cando chove moito”.