Novecentos mariscadores súmanse este ano á recollida de lixo no litoral

Levaranse a cabo 120 xornadas coa participación de 25 embarcacións // A confraría de Noia vai mobilizar a 261 profesionais para desenvolver o proxecto ‘Econoia 4’ // A implicación cuadriplica á da primeira edición, en 2020

Mariscadoras e mariscadores da confraría de San Bartolomé de Noia nunha das xornadas de limpeza enmarcadas no proxecto Econoia

Mariscadoras e mariscadores da confraría de San Bartolomé de Noia nunha das xornadas de limpeza enmarcadas no proxecto Econoia / Econoia

O sector pesqueiro e marisqueiro galego vai desenvolver este ano 13 novos proxectos de recollida de lixo mariño coa participación activa de preto de 900 profesionais do marisqueo e 25 embarcacións en distintas accións que suman 120 xornadas de limpeza das costas e augas de Galicia. Todas elas enmárcanse no plan MarLimpo que promove a Consellería do Mar e engádense aos obxectivos ecolóxicos a tres anos incluídos en máis do 60 % dos plans de xestión de marisqueo xeral e de recursos específicos aprobados ás entidades do sector.

Retirada dun pneumático en Corcubión /confraría de corcubión

Retirada dun pneumático en Corcubión /confraría de corcubión / josé m. ramos

A cifra de participantes nas actuacións a realizar en 2023 supón “máis que cuadriplicar as da primeira edición de 2020, algo que tamén acontece no caso das embarcacións”, subliñan dende a Consellería. Isto, engaden, “reflicte a implicación cada vez maior do sector marítimo-pesqueiro no coidado do medio mariño e a súa concienciación na necesidade de retirar del os refugallos que chegan desde terra”.

Este ano aprobáronse trece proxectos, que serán financiados polo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) e suman unha axuda global de máis de 337.000 euros, na que tamén se inclúen accións formativas e de divulgación entre o conxunto da poboación.

As entidades beneficiarias son as confrarías de pescadores do Grove, O Pindo, Pontedeume, Vilanova de Arousa, Cedeira, Vilaboa, Mugardos, Caión, Cambados, Noia, Corcubión e a Asociación de Mariscadores Fonte Santa Helena de Baldaio (do concello de Carballo).

Un dos proxectos seleccionados centrarase na recollida pasiva de lixo, o que implica que as embarcacións e profesionais da pesca e do marisqueo recollen os residuos que veñen a bordo nos aparellos durante as faenas ordinarias de pesca ou durante a actividade normal.

A iniciativa coa maior achega aprobada é a da confraría de Noia, con máis de 81.000 euros. O seu proxecto Econoia 4, que dá continuidade ás tres edicións previas ao abeiro das convocatorias anteriores, inclúe a retribución por dúas xornadas de recollida activa de lixo por parte de 261 mariscadoras e mariscadores, e a elaboración de diversos vídeos sobre o traballo realizado ou a adquisición de distintos materiais.

Liliana Solís, bióloga da confraría de pescadores San Bartolomé de Noia, asegura que neste novo proxecto están contempladas dúas novas limpezas, previstas para o mes de setembro, que se desenvolverán na costa de Outes e Noia e, por primeira vez, no litoral de Porto do Son, ata Punta Aguieira, xa que nesta convocatoria tamén se contemplan as zonas de libre marisqueo.

Ademais, este ano levarán a cabo tamén as catro xornadas que aínda teñen pendentes do proxecto Econoia 3, que inclúe a iniciativa Econoia Mergullo, na que participan sete barcos e catorce mergulladores. Despois de tres anos levando a cabo estas limpezas, Liliana Solís asegura que “o cambio do estado de conservación do litoral e a recuperación de zonas foi moi importante”. A este respecto, subliña que o primeiro ano en cada xornada de limpeza recollíanse “unha media de 6.000 quilos de lixo, e nos anos seguintes xa baixou a 1.000 quilos”.

Agora, os labores céntranse na recollida de lixo plástico, por ser un dos que ten uns efectos máis dañinos para a fauna mariña. A maiores, ao abeiro do proxecto Econoia Mergullo retiraron nestes tres primeiros anos máis de 2.600 quilos dos fondos mariños. Entre o lixo traído para terra había 132 artes de pesca.

Os participantes contaron co apoio do barco da confraría de Noia.

Non obstante, “no sublitoral aínda queda bastante traballo por facer, porque quedan moitas rodas e aparellos no fondo mariño”, afirma a bióloga do pósito noiés, quen agradece a implicación e colaboración que están a brindar os concellos de Noia, Outes, Muros e Porto do Son, “que asumen a xestión dos resiudos que se traen a terra”, sinala.

Pola súa banda, a confraría de pescadores do Grove é a que suma unha maior participación de profesionais, xa que prevé a colaboración de 319 mariscadores a pé nunha única xornada de limpeza. Entre as accións que teñen previstas figuran tamén unha exposición de arte con lixo mariño, a organización dun obradoiro e a compra de elementos necesarios para ese labor.

En Pontedeume, a confraría mobilizará a 16 mariscadoras e 15 embarcacións para levar a cabo o proxecto Limpeza de lixo de Moteis e do Peregil, e en Cambados promoverán unha xornada para limpar os bancos marisqueiros a pé xestionados polo pósito. Organizarán unha xornada formativa e cinco charlas divulgativas e adquirirán materiais.

Balance

Estas iniciativas contribuirán a avanzar nunha estratexia de retirada de residuos mariños da costa galega que xa permitiu extraer máis de 235 toneladas entre os exercicios 2020 e 2022. Os 23 proxectos desenvolvidos neses tres anos ao abeiro das convocatorias de axudas da Consellería do Mar, enmarcadas no Plan MarLimpo, supuxeron a realización de 163 limpezas activas coa participación de 660 persoas e 10 embarcacións, ás que se engadiron as recollidas pasivas de 470 profesionais e máis de 100 embarcacións cunha achega pública de máis de 1,2 millóns de euros.

Compromiso do sector

Estes datos “mostran o compromiso cada vez maior do sector coa retirada dos refugallos presentes no mar, pois estas accións súmanse ás xa previstas nos obxectivos ecolóxicos a tres anos de máis do 60% dos plans de xestión de marisqueo xeral para o período 2021-2023 e ás incluídas en preto do 70 % dos de recursos específicos para o período 2022-2024. Este traballo reflicte o elevado grado de implicación do sector marítimo-pesqueiro na protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas”, conclúen dende a Consellería do Mar.