Costa da Morte aposta pola revalorización do patrimonio e os recursos do medio rural

Senda Nova lanza a Primavera en Ruta para aprender camiñando en 8 roteiros de 20 parroquias de Soneira, Ordes e Bergantiños // Farán cen paradas interpretativas // Empeza tras os pasos do artista Xestal por Oza, Razo e Lema

Acto de presentación da décimo cuarta edición da Primavera en Ruta, que este ano ofrece oito roteiros por tres comarcas / asociación senda nova

Acto de presentación da décimo cuarta edición da Primavera en Ruta, que este ano ofrece oito roteiros por tres comarcas / asociación senda nova / J. M. RAMOS

Camiñar para aprender é o lema da décimo cuarta Primavera en Ruta que organiza a asociación ambiental Senda Nova co fin de dar a coñecer e poñer en valor todos os recursos patrimoniais, naturais e paisaxísticos da Costa da Morte, ao tempo que avoga pola concienciación das súas xentes, especialmente dos máis novos, sobre a importancia de preservar todos os recursos que ofrece o medio rural.

Camiñantes percorrendo unha das rutas o pasado ano / Senda Nova

Camiñantes percorrendo unha das rutas o pasado ano / Senda Nova / J. M. RAMOS

Este nova edición constará de oito roteiros que guiarán aos participantes polos camiños e corredoiras de máis de vinte parroquias das comarcas de Bergantiños, Ordes e Terrena de Soneira, sumando máis dun cento de quilómetros e doutras tantas paradas interpretativas. Unha proposta que se desenvolverá nos meses de abril, maio e xuño, e que este ano bota a andar cunha novidade: a bautizada como Ruta do Xestal, coincidindo co trinta aniversario do pasamento de Carlos Díaz Gestal, cantante, músico, humorista, activista social e político.

Trípticos promocionais da Ruta do Xestal e da Primavera en Ruta / C. C.

Trípticos promocionais da Ruta do Xestal e da Primavera en Ruta / C. C. / J. M. RAMOS

O roteiro, que será o primeiro do ciclo, foi programado para o día 16 de abril, e ao longo de 8 quilómetros achegará aos camiñantes ás parroquias carballesas de Oza, Razo e Lema, e por lugares como As Torres Pardiñas e O Seixo, onde viviu O Xestal ata o seu pasamento.

A segunda das rutas, prevista para o día 23 de abril, será O Son do Anllóns, e transcorrerá a carón do río que vertebra a comarca de Bergantiños. Partirán de Carballo e percorrerán ao longo de 21 quilómetros os lugares de Sísamo, Goiáns, Verdes, Cereo e Corcoesto.

O mes de abril rematará cunha camiñada polo Coristanco histórico o día 30 para afondar no patrimonio e a historia deste municipio, con paradas interpretativas nos lugares de Seavia, Ferreira, Couso en Cuns.

Xa no mes de maio os monitores de Senda Nova guiarán aos camiñantes por entre tesouros megalíticos ao longo da Ruta das Mámoas, en terras de Cabana de Bergantiños. O día 14 darán un salto cara o bordo litoral para coñecer en detalle a paisaxe e a xeoloxía da costa agreste de Cerqueda e Cambre (Malpica), ao carón do Atlántico.

O día 21 de maio, a Primavera en Ruta adentrarase nas terras gandeiras de Trazo para descubrir os segredos e a forza do río Chonia, pasando por núcleos como Monzo, Restande, Benza, Xavestre e Portomeiro. O mes das flores rematará cun roteiro polas terras altas de Soneira o día 28, con visitas aos lugares de Gándara, Carreira e Mira, no concello de Zas. O ciclo chegará ao seu fin o catro de xuño coa ruta Camiños de Caión, ao longo da cal os sendeiristas poderán desfrutar dos miradoiros do Atlántico ao longo da costa da Laracha e Carballo.

As inscricións poden formalizarse nos concellos de Carballo, Coristanco e A Laracha, na base de Protección Civil de Carballo ou no Espazo da Natureza de Oza ata dous días antes de cada ruta. O custo é de 8 € para adultos e 6 € para os menores, pero os socios de Senda Nova pagarán 6 e 4 €, respectivamente. A Ruta do Xestal será de balde.

A escola Fonteboa fomentará o cultivo de plantas medicinais

No seu afán por seguir dinamizando e revalorizando o medio rural, a Escola de Formación Agraria Fonteboa, de Coristanco, tamén vén de presentar un amplo programa de actividades de formación continua, que se desenvolverá ata xuño.

Entre as propostas destaca o programa A horta menciñeira, centrado na aprendizaxe sobre cultivos e aproveitamentos de plantas medicinais, así como o seu valor culinario. As actividades formativas comezarán o día trece de abril. A maiores, haberá ciclos formativos para o sector forestal (cursos de carné de motoserrista europeo, o Encontro Dualiza e cursos específicos) e o apícola (curso de iniciación, un módulo de reprodución de apiarios e defensa dos colmeares e diversos obradoiros).

Estratexias para uso sostible dos antibióticos nas ganderías de leite, unhas xornadas de técnicas sobre o cultivo do millo e da alfalfa, difusión de produtos láctoes e cursos de benestar animal son outras das propostas que ofrece a Escola de Formación Agraria Fonteboa, que dende comezos do ano pasado é sede tamén do Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego da Costa da Morte, impulsado pola Xunta de Galicia.

Un regreso aos camiños que foi presentado no Espazo da Natureza de Oza e ao que se sumaron representantes dos concellos de Carballo, A Laracha, Coristanco, Malpica e Zas “aos que agradecemos o seu apoio, ao igual que aos membros da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil e ao voluntariado de Senda Nova”, subliñou a presidenta da asociación, Eva Cameán.

Tamén asistiron os nenos e nenas que participan activamente nas iniciativas de Senda Nova, “e que foron quen de afondar en cada unha das oito rutas programadas a través das súas propias vivencias dentro do territorio en cada un dos lugares do rural que visitan”, subliñou a presidenta do colectivo ambiental.