Muros-Noia redimensiona a estratexia turística ante a subida de visitantes polo tirón da náutica

Os municipios da ría enriquecen e editan en inglés, alemán e francés os mapas promocionais // Buscan fidelizar ós afeccionados á vela do norte de Europa que percorren a costa e ós peregrinos do Camiño Marítimo a Santiago

A presidenta da ARD Ría de Muros-Noia, Teresa Villaverde, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, na presentación dos novos mapas turísticos / ard m-n

A presidenta da ARD Ría de Muros-Noia, Teresa Villaverde, e o alcalde de Noia, Santiago Freire, na presentación dos novos mapas turísticos / ard m-n / suso souto

Os concellos agrupados na Asociación Rural de Desenvolvemento (ARD) Ría de Muros-Noia (Lousame, Muros, Noia, Outes e Porto do Son) puxeron en marcha un plan para redimensionar a súa estratexia turística conxunta da man do sector. Un plan que pretende fidelizar aos cada vez máis visitantes estranxeiros atraídos polo forte tirón da náutica recreativa.

Por unha banda, a entidade vén de poñer a disposición dos campings, hoteis, hostais e casas de turismo rural da comarca unha nova edición e actualizada dos mapas turísticos dos cinco municipios. Trátase dunha tirada de 45.000 exemplares, dos que por primeira vez parte deles estarán en inglés, francés e alemán.

A presidenta da asociación e alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “a novidade de editar estes mapas noutros idiomas está motivada polo incremento significativo dos turistas estranxeiros que mostran os informes das oficinas de turismo dos distintos concellos da ría de Muros-Noia”.

Un feito ao que hai que sumar o crecemento da náutica deportiva e a consolidación como destinos do Real Club Náutico de Portosín ou na Mariña de Muros, con embarcacións en tránsito pola costa galega, especialmente de afeccionados á vela do norte Europa. Este feito reafirma novamente a aposta dos peregrinos polo Camiño Marítimo a Santiago de Compostela pola citada ría.

“Todo isto, unido ao impulso das escolas de surf e ao efecto multiplicador de dous anos de Xacobeo, supón un aumento na chegada de visitantes doutras nacionalidades, como ben notamos en Noia”, di o o alcalde deste concello, Santiago Freire.

Estes mapas, que supoñen unha importante ferramenta de traballo para os establecementos hoteleiros da zona, tamén foron actualizados. Así, inclúen debuxos con lendas de novos e destacados elementos, como o espectacular miradoiro do monte A Muralla (Lousame) ou o Estaleiro do Ciprián (Outes), que vén de abrir as súas portas tras ser rehabilitado e acondicionado como museo da carpintería de ribeira.

Nos novos mapas tamén se recollen outros puntos de interese, como a fervenza de Ribasieira (Porto do Son), os máis de vinte muíños de Pedrachán (Noia), un barrio extramuros da antiga cidade medieval noiesa, un conxunto de 22 hórreos en pequenos grupos repartidos por todo o pobo de Muros, ou os antigos muíños de Albeida, no lugar de Rates (Outes), inicio dun roteiro.

Por outra banda, a entidade vén de estrear unha renovada e ampliada páxina web (www.riademurosnoia.com), de maior funcionalidade e que facilita o contacto permanente con todo o sector turístico dos cinco concellos que integran a comarca, a través dunha Intranet que permite tamén ofrecerlle aos visitantes unha información actualizada e atractiva sobre este destino turístico e a propia información dos establecementos hostaleiros, de restauración e de turismo asociados.

“Poremos en marcha listas de distribución de WhatsApp, mailing e a propia Intranet da web para que a comunicación cos actores turísticos da zona sexa o máis fluída posible”, explicou Teresa Villaverde.