Comeza o acondicionamento de trinta e dúas paradas de bus en Carballo, Arteixo e A Laracha

Reforzarase a seguridade e e instalaranse marquesiñas, bancos ou apoio isquiático, entre outros elementos

Os traballos comezaron nunha das paradas situadas en Paiosaco, no municipio larachés. / xunta de galicia

Os traballos comezaron nunha das paradas situadas en Paiosaco, no municipio larachés. / xunta de galicia / redacción

Redacción

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras para mellorar treinta e dúas paradas de autobús situadas ao carón da estrada autonómica AC-552, ao seu paso polos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo. Unhas actuacións que suporán un investimento autonómico de 1,3 millóns de euros.

Os traballos de mellora da seguridade viaria e da accesibilidade comezaron pola parada de autobús situada en Paiosaco (A Laracha), na zona próxima á entrada da autoestrada AG-55, e as obras continuarán avanzando en sentido ao veciño municipio de Carballo.

As intervencións céntranse na mellora de trinta e dúas paradas situadas ao longo dun trazado de quince quilómetros da vía autonómica AC-552 ao seu paso por estes tres municipios, comezando polo acondicionamento dos carrís para a parada do autobús, a mellora da accesibilidade e a pavimentación da contorna coa execución de sendas peonís ou beirarrúas.

Nos respectivos proxectos tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios alí onde poida haber desniveis.

As actuacións son financiadas con fondos MRR do programa Next Generation do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia e, tamén, con fondos FEDER 21/27, segundo informa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade.

No marco destas intervencións, en primeiro lugar, tense en conta a localización da parada e a súa localización óptima en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada sexa menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.

Os traballos que se acometen nas infraestruturas consisten en melloras do equipamento, como a dotación de marquesiñas, postes, bancos ou apoio isquiático.

Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.

PERSPECTIVA DE XÉNERO. As obras inclúen medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas. Ademais, as intervencións prevén o reforzo da información e da sinalización, colocando planos de situación e percorridos ou sinais indicativos das paradas.

Neste plan autonómico tamén se contempla a mellora doutras paradas de autobús situadas nas estradas AC-400, AC-413, AC-414, AC-418 e AC-424. Así, na Costa da Morte, ademais das xa referidas, serán acondicionadas outras dúas no municipio de Ponteceso e unha no de Malpica. A maiores, a Xunta actuará noutras 12 do concello de Culleredo e 2 en Cerceda.