Costa da Morte rexistrou durante a Semana Santa unha ocupación hostaleira por enriba do 85 %

Son datos recabados da primeira enquisa feita pola patronal do sector turístico // Califican de “históricas” as cifras acadadas

Visitantes na Mostra de Artesanía en Vivo do castelo de Vimianzo nesta Semana Santa /c. de vimianzo

Visitantes na Mostra de Artesanía en Vivo do castelo de Vimianzo nesta Semana Santa /c. de vimianzo / j. m. ramos

A Asociación de Profesionais do Turismo de Costa da Morte (APTCM) aproveitou a Semana Santa para elaborar a primeira enquisa que se fai na zona co fin de coñecer os datos reais dos nives de ocupación e actividade nos distintos subsectores empresariais: hoteis, restauración, actividades de turismo activo e transportes, entre outros. Avaliáronse por separado os rexistros de toda a semana e os dos catro días festivos.

En base aos resultados obtidos, Pepe Formoso, presidente da patronal, asegura que foi “unha Semana Santa histórica neste sector”. Máis do 75 % dos 130 socios da entidade aportaron os seus datos e os mellores resultados acadáronse no sector da restauración, que rexistrou un cen por cen de ocupación dos seus comedores durante toda a semana.

Pola súa banda, os aloxamentos acadaron un 85 % de ocupación media ao logo de toda a semana, porcentaxe que se elevou por enriba do 90 % dende o xoves ata o domingo. Tamén o sector de transportes rexistrou uns bos datos, en torno ao 70 %. Pola contra, as empresas de turismo activo apenas acadaron un 40 % de media no cómputo semanal e un 60 % no tramo dos días festivos.

Pepe Formoso destaca que, segundo as fontes consultadas, “o comercio foi outro dos grandes beneficiados” pola elevada afluencia de visitantes á Costa da Morte. “A profesionalización é un dos obxectivos principais da nova directiva de APTCM e iniciamos esta andadura con información baseada en datos reais, o que nos vai permitir detectar necesidades e valorar melloras e propostas de traballo de cara ao futuro naqueles sectores onde a ocupación non sexa tan elevada”, engadiu.

Os datos son o reflexo do alto número de visitantes rexistrado na Costa da Morte, que se constatou tamén en eventos como a Mostra do Encaixe de Camariñas, que recibiu máis de 20.000 persoas, nos actos relixiosos da Semana Santa de Fisterra e noutros espazos como o castelo de Vimianzo, as Torres do Allo e o Museo Etnolúdico de Galicia (Melga), que contabilizou máis de 200 visitantes, un 10 % máis que en 2022.