Afonso Eanes: participar para manter activa a asociación cultural na Baña e Negreira

Algúns dos membros da AC Afonso Eanes que retomaron a actividade da entidade no ano 2014

Algúns dos membros da AC Afonso Eanes que retomaron a actividade da entidade no ano 2014 / afonso eanes

Marcos Manteiga

“Economicamente temos recursos, pero buscamos máis participación”. Esta frase, da súa presidenta, Olalla Liñares, resume o sentir que vive unha das entidades pioneiras na comarca, a Asociación Cultural Afonso Eanes do Cotón, que vía a luz o día 22 de decembro de 1976 para Negreira e A Baña en torno a “unha idea de cultura”. O día 7 de febreiro de 2014 rexurdía das súas cinzas despois de varios anos de práctica inactividade, e agora cren preciso involucrar á veciñanza para darlle continuidade.

Xuntanza ‘Libros, patria e vermú’ oganizada por Afonso Eanes en 2022 / afonso eanes

Xuntanza ‘Libros, patria e vermú’ oganizada por Afonso Eanes en 2022 / afonso eanes / Marcos Manteiga

Así o destacaba Liñares, quen eleva a “uns sesenta” os socios actuais. Chegou a ter máis na súa época inicial, pero este fondo humano parece suficiente para seguir, sempre que haxa vontade. “Para ser realistas, non estamos no mellor momento, e o principal motivo é que non hai renovación xeracional, porque moitos dos que reactivamos a cultura nin residimos na comarca actualmente”.

Veciños e membros de Afonso Eanes nunhas xornadas de Adega de limpeza fluvial / AC

Veciños e membros de Afonso Eanes nunhas xornadas de Adega de limpeza fluvial / AC / Marcos Manteiga

Deste xeito, e con menos participación, actívase un dos binomios aos que máis rabia lle ten calquera directivo dunha entidade similar: “Temos menos forza, e facemos menos cousas, e ao facer menos cousas, temos menos forza”, unha carioca que leva o rabo na boca á que aluden na súa directiva. “Pero o que está claro é que queremos que continúe, polo que simboliza, e manter actos como a xornada do rural, que tan contenta está a deixar á xente”, suliñan as mesmas fontes. Ao fío, non desbotan recuperar novas actividades, como os populares magostos, e buscar a implicación da veciñanza.

O outro gran cabalo de batalla da AC Afonso Eanes (completan a directiva Rubén Mayo como vicepresidente, Xián Liñares, secretario, e Arantxa Pazo, tesoureira) é a necesidade dun local, non tanto para se reunir, “senón que petamos na porta do Concello de Negreira solicitando un pequeno espazo para almacenaxe” dos fondos e lembranzas, como o que xa tiveron na casa da cultura ata hai poucos anos, pero que lle foi retirado ca explicación de que era necesario para un obradoiro de emprego. “Dinnos que a cousa está complicada, polo que volveremos falar co rexedor, Ángel Leis, e, de non haber sorte, miraremos para o outro municipio, o da Baña”, explican.

No que atinxe ás actividades periódicas, só no ano da súa refundación, os socios participaron na ofrenda floral ó ilustre barcalés Avelino Pousa que organizou o IES Xulián Magariños no centenario do seu nacemento. Un días despois, o dezasete de maio, celebraron un acto lírico-musical nun café nicrariense para honrar ó poeta Díaz Castro, con foliada incluída. Pero, ademais de conmemoracións físicas, tamén empregaron os seus espazos na rede para remarcar unha serie de ocasións, como o Día da Patria Galega (25 de xullo) e o Día da Galiza Mártir (17 de agosto). Ao redor destas datas emprenderon unha campaña de divulgación por medio do seu Facebook onde os seguidores puideron achegarse ó que hai detrás destes días sinalados.

Nese mesmo mes de agosto, nun momento no que, desgraciadamente, viña moi a conto, ofreceron unha barferencia –verba que conxuga as charlas cos espazos hostaleiros tan comúns na comarca barcalesa–nun establecemento de Negreira baixo o título As claves históricas do conflito israelí-palestino e da man do entón secretario e historiador Bruno Esperante. Pero a súa presenza fíxose notar, igualmente, na sétima edición da Feira do Románico de Negreira, onde instalaron a Cantina do Reino de Galiza, aberta durante toda a fin de semana con comida, bebida e música en directo coa agrupación tradicional Os Atrevidos de Barcala.

Seguindo nesa liña, o día 28 de novembro festexaban o I Magosto Afonso Eanes, no que tamén houbo atrevemento e divertimento. “Con el quixemos recuperar esta antiga celebración, que xa impulsara a asociación en 1979 coa Primeira Festividade Popular-Tradicional da Castaña”, aportan. E, paralelamente a isto, convocouse o concurso fotográfico para o calendario Afonso Eanes 2014.

Co tempo engadíronse máis actividades, como as emblemáticas xornadas do rural, onde teñen cabida dende as axudas da política agraria común ata as pragas, e os seus membros participan nas xornadas de limpeza de ríos que organiza Adega, un clásico xa en toda a bisbarra. Quenes desexen saber máis ou sumarse, poden facelo nas súas redes sociais.