Morre atropelado un veciño de Boiro que estaba tombado na estrada na Pobra do Caramiñal
O home, de 50 anos, ía sen chaleco reflector e xacía no medio do carril cando foi alcanzado por un coche
Un home de 50 anos de idade morreu a pasada noite ao sufrir un atropelo no municipio coruñés da Pobra do Carmiñal. Ao parecer, "ía sen chaleco reflector e estaba tombado na estrada cando foi alcanzado polo coche. A vítima, Carlos García Dieste, residía no lugar da Magdalena de Boiro e era coñecido nesa localidade coma "O chino", un toxicómano que os veciños definen coma "boa persoa", e que "nunca tivo problemas con ninguén".
Segundo informan distintas fontes do operativo que interveu no sinistro, o atropelo ocorreu ao redor da medianoite no quilómetro 30.500 da AC-305, a estrada que vai desde Ribeira ata Padrón.
O 061-Urxencias Sanitarias mobilizou até o lugar unha ambulancia de soporte vital básico con persoal de Atención Primaria. Con todo, só puideron confirmar o falecemento deste home de 50 anos. Descoñécese se a morte se produciu con anterioridade ao atropelo.
Tal e como trasladan fontes da Garda Civil, o home atopábase "tombado no medio do carril e sen ningunha peza reflectora".
O 112 Galicia tamén pasou o aviso á Policía Local da Pobra e a Protección Civil.