O auditorio de Valga acolleu o festival galego de Eurovisión

O público escolar animou coas bandeiras europeas

O público escolar animou coas bandeiras europeas / Concello

A gran final de Eurovisión celebrouse este ano en Valga, no auditorio municipal, e xa ten gañadores. O Festivalga 2023, organizado polo CRA e que emula ao festival da canción europeo, converteu o auditorio nunha celebración por todo o alto na que se deron cita estudantes, familias, usuarios do CODI e do Centro de Día con gañas de pasalo ben , gozar e bailar coas imitacións e actuacións de temas participantes en Eurovisión, Eurojunior ou nos certames de preselección.

Alumnado das escolas do CRA de Valga /concello de valga

Alumnado das escolas do CRA de Valga /concello de valga / sol elvira

Se o éxito dunha canción se mide polo número de imitacións, a gañadora absoluta foi María Isabel co seu "Antes muerta que sencilla", co que se proclamou campiona en Eurojunior 2004. Sergio Dalma, Masiel, Chikilicuatre ou Azúcar Moreno son outros dos artistas cuxas actuacións eurovisivas resisten na memoria.

Durante a gala, presentada por Adrián Baloira e Antía Piñeiro, director e secretaria do CRA de Valga, proxectáronse as trinta actuacións participantes nesta cuarta edición do certame, creado durante o confianamento.

Alumnado, profesorado e comunidade educativa do CRA e doutros centros coma o colexio Ferro Couselo ou a escola infantil, familias, representantes doutros CRAs de Galicia, foron parte dunha participación do máis heteroxénea e tamén moi diversas, con xente de Ordes, Pontevedra, Ponteceso, Vigo ou Vilaboa.

Durante o certame houbo actuacións en directo a cargo das escolas rurais que integran o CRA. Os nenos de Campaña interpretaron Chachi piruli (Diego Domíngez, Eurojunior 2023); os de Chenlo elixiron "Terra" (Tanxugueiras, Benidorm Fest 2022); e os Ferreirós cantaron e bailaron con "Cha, cha, cha", coa que Finlandia participa este ano en Eurovisión. Os rapaces do Forno escenificaron "Nochentera" (Vicco, Beniform Fest 2023); o alumnado de Ferreirós imitou a Alessandra Mele coa "Queen of Kings", coa que Noruega competiu en Liverpool; e, por último, os nenos de Xanza remontáronse ata 1961 para revivir o "Estando contigo" de Conchita Bautista.

Ademais dos premios individuais por categorías, tamén recibiron galardón as seis escolas do CRA coas imitacións que interpretaron en directo, así como un recoñecemento ao traballo o profesorado do CRA e os usuarios do CODI. A gala contou cun punto e final apoteósico, co profesorado do CRA interpretando a Lordi (gañadores de Eurovisión 2006 representando a Finlandia).