Sanidade convida ás empresas a fomentar os hábitos saudables entre os seus traballadores

A consellería promove o plans Obesidade Zero e Ola Saúde // García Comesaña visitou Congalsa, compañía que reparte semanalmente froita de tempada ao seu cadro de persoal

O director xeral de Congalsa, Luis Miguel Simarro, á esquerda, e o conselleiro, nas instalacións da Pobra

O director xeral de Congalsa, Luis Miguel Simarro, á esquerda, e o conselleiro, nas instalacións da Pobra / Xunta de Galicia

Redacción

Fomentar os hábitos saudables non é só unha misión das escolas e dos profesionais sanitarios, senón que é unha iniciativa extensible a todos os ámbitos, incluído o empresarial. Así o entenden tamén na empresa alimentaria Congalsa, da Pobra do Caramiñal, que este luns recibiu a visita do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, interesados en coñecer de primeira man as accións de promoción dos hábitos saúdables que está a desenvolver a compañía entre os seus traballadores.

A este respecto, o director xeral de Congalsa, Luis Miguel Simarro, puxo en valor que a empresa conta cun comité científico conformado por expertos externos e membros de diferentes departamentos da compañía para favorecer que todas as referencias que se lanzan ao mercado sexan “máis saudables, saborosas, sostibles e convivintes tendo en conta, obviamente, todas as políticas de seguridade alimentaria”.

Explicou ademais algunhas das iniciativas que teñen en marcha como a recomendación de empregar as escaleiras en lugar do ascensor, ou o reparto semanal de froita de tempada entre o cadro de persoal.

Comesaña puxo en valor o conxunto de iniciativas que está a implementar Congalsa en Galicia, tanto na súa contorna laboral, como nos hábitos alimenticios dos seus traballadores, convidando aos responsables da mesma a exportar estas accións ao resto de factorías que posúe a empresa no mundo.

Destacou que estas accións están na liña dos programas que desenvolven a Consellería de Sanidade e o Instituto de Saúde e Seguridade Laboral en Galicia (ISSGA), cos seus plans Obesidade Zero e Ola saúde!, respectivamente. Así, avogou por que todas as empresas galegas inclúan esta pautas que inciden no benestar dos seus traballadores.

“É fundamental que todos os axentes sociais, sanitarios e políticos lancemos unha mensaxe común para potenciar as contornas laborais saudables”, precisou o conselleiro. Remarcou que o Plan de Obesidade Zero, que promove a dirección xeral de Saúde Pública, céntrase na prevención do exceso de peso e a obesidade, con medidas como o acceso a alimentos saudables, a revisión dos produtos dispoñibles nas máquinas expendedoras dos edificios públicos ou a promoción de pausas activas.

PREMIO RAMÓN DOVAL

Por outra banda, hai que sinalar que Congalsa instaurou o Premio Ramón Doval, que entrega cada ano ao traballador que mellor representa os valores corporativos da empresa: compromiso, respecto pola persoas, orientación ao cliente externo e interno, eficiencia, integridade e ética empresarial, traballo en equipo, orientación á mellora continua, innovación, aptitude positiva e orientación á sostibilidade económical, social e ambiental.

O gañador é escollido polos propios traballadores da empresa a través dunha voltación telemática.

A compañía deu tamén o salto a un modelo de produción 4.0 aproveitando as posibilidades que ofrecen actualmente o big data e a intelixencia artificial.

Unha aposta que lle está a permitir non só mellorar ratios de produtividade, senón tamén impulsar o desenvolvemento da estratexia ao optimizar a súa analítica de datos, perfeccionar o coñecemento dos clientes e dos propios produtos.

A maiores, subliñan, este modelo tamén está a contribuír a mellorar a calidade de vida dos seus traballadores, potenciando certas habilidades como a creatividade e a intuición, fundamentais nun sistema que avoga pola innovación.