A praza de Pontecesures acolle o sábado o Día Internacional dos Mercados

Fachada da praza de abastos de Pontecesures / concello

Fachada da praza de abastos de Pontecesures / concello / s. elvira

A praza de abastos de Pontecesures foi a escollida este ano pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Xunta de Galicia para celebrar este sábado 10 de xuño o Día Internacional dos Mercados. Deste xeito, todas as persoas que merquen na praza cesureña recibirán como agasallo material promocional da campaña Quere o teu mercado.

A maiores, a partir das 13.00 horas, o Concello de Pontecesures organizará un showcooking con produtos da praza, uns pratos que posteriormente serán degustados de balde polas persoas presentes.

O alcalde de Pontecesures, Juan Manuel Vidal Seage, explica que “queremos darlle visibilidade os nosos produtos de proximidade elaborando un showcooking nas instalacións da propia praza e con produtos do propio mercado. Despois faremos unha degustación entre os praceiros e praceiras, así como entre a veciñanza que se achegue a mercar”.

A Xunta de Galicia leva cinco anos celebrando a campaña Quere o teu mercado co obxectivo de apoiar, promover e visibilizar o papel dos mercados nas vilas, potenciando así a compra do produto local ao amosar a profesionalidade dos praceiros e das praceiras.

O Concello de Pontecesures adheriuse a esta campaña pola importancia do seu mercado da Praza de Abastos, onde a súa veciñanza merca produto de proximidade.