Muros-Noia promociónase cunha campaña de fotografías que poñen o foco nas súas xentes

Marcote, durante a presentación da campaña en Valladolid / a.r.m.n.

Marcote, durante a presentación da campaña en Valladolid / a.r.m.n. / suso souto

Valladolid foi o lugar escollido para a presentación do destino turístico Ría de Muros-Noia ao público de Castela e León. Un acto no que se promocionou a campaña A paisaxe humana máis fermosa, “unha recompilación de fotos que poñen o foco nas persoas e que recollen o carácter especial das persoas que viven na comarca”, segundo explica José Antonio Marcote, responsable de Comunicación da Asociación Ría de Muros-Noia. A presentación incluíu tamén a proxección dos vídeos As rías galegas tal como eran e Ría de Muros-Noia, sostible por natureza, que incrementaron o interese dos presentes nun destino turístico cunha gran riqueza gastronómica, cultural, paisaxística e patrimonial pero que sabe manterse á marxe da tradicional sobrexplotación do turismo costeiro. “Un exemplo dese interese é a nosa peculiar oferta hostaleira, que se alonxa das grandes aglomeracións na busca da excelencia no trato duns establecementos de calidade e cun número reducido de habitacións”, apunta Marcote ao respecto.