Falece un veciño de Negreira tras bater coa súa moto contra un coche en Lousame

Ao lugar do sinistro acudiu unha ambulancia asistencial de Soporte Vital Básico e persoal do PAC de Noia que nada puideron facer por lle salvar a vida

Ambulancias asistenciales de soporte vital avanzado de Urxencias Sanitarias 061

Ambulancias asistenciales de soporte vital avanzado de Urxencias Sanitarias 061 / 061 Galicia

Javier Barca Cantorna, de 34 anos, veciño de Logrosa (Negreira), perdeu a vida na noite do pasado venres tras chocar coa súa moto contra un vehículo cando circulaba pola estrada AC-543, ao seu paso pola parroquia de Toxos (Lousame).

Segundo informou o Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, ás 22.35 horas do venres recibiu un aviso na central de coordinación por este accidente de tráfico. De inmediato enviou ao lugar do sinistro unha ambulancia asistencial de Soporte Vital Básico e persoal sanitario do PAC de Noia. Ademais, o 112 Galicia mobilizou aos membros do GES de Noia, así como aos axentes da Garda Civil de Tráfico. O motorista acabou falecendo no lugar do accidente a pesares dos esforzos realizados para salvar a súa vida.

Fontes veciñais aseguran que era un home moi aprezado e coñecido na zona, xa que rexentaba unha correduría de seguros ubicada na céntrica Avenida das Brañas, de Negreira. Antes traballara nunha hamburguesería que rexentaban seus pais na rúa do Carme da capital nicrariense. Queñes o coñecían aseguran que era un gran aficionado ao mundo das motos.

O seu corpo está sendo velado no Tanatorio Negreira Memorial e o enterro será ás 13.00 horas no cemiterio de Logrosa.