O Pico Sacro recuperou a Cerimonia do Lume Sagrado coa unión das tribos celtas

Un momento da cerimonia no Pico Sacro, en Boqueixón

Un momento da cerimonia no Pico Sacro, en Boqueixón / concello

Redacción

O Pico Sacro foi escenario este venres pola tarde da lendaria Cerimonia do Lume Sagrado tras anos de ausencia, primeiro pola pandemia e despois polas malas condicións meteorolóxicas, que mesmo obrigaron á súa suspensión este domingo 18 de xuño. Porén as tribos celtas de Boqueixón e de Callobre volveron a unirse este venres neste emblemático lugar para celebrar o rito co que os antergos festexaban a chegada do solsticio de verán.

Iso si: a cerimonia foi moito máis modesta do habitual, toda vez que a súa celebración tivo lugar nun día laborable ao coincidir coa festa do San Xoán, pois moitas das súas cacharelas foron acendidas pola noite con este lume procedente do Pico Sacro.

A posta en escena do ritual comezou co encontro das tropas na entrada ao cumio do Pico Sacro. Encabezados pola raíña Alda, a máis fermosa, e polo Druída, continuaron xuntos o seu desfile ata a capela de San Sebastián. Diante da ermida do Pico Sacro, o Druída utilizou o seu bastón para concentrar a luz solar na ramaxe que se colocou no pebeteiro.