A Xustiza dálle o segundo edil ao Partido Popular de Corcubión
O TSXG deu por válida a papeleta do PP rotulada con tinta azul
Iso implica que José Ramón Rojo, do PACOR, non será concelleiro

O candidato do PP, no centro, con Rosa Quintana e membros da lista / PP / j. m. ramos
O Partido Popular de Corcubión contará finalmente con dous concelleiros na Corporación local, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) aceptase o recurso contencioso electoral interposto polo PP fronte ao acto de proclamación de electos da Corporación Local do municipio do 16 de xuño de 2023, efectuada pola Xunta Electoral de Zona, que declarara nulo un voto para os populares que estaba rotulado, o cal supoñía que o sillón en xogo sería para o candidato do Partido Autónomo de Corcubión, José Ramón Rojo.
Os maxistrados declararon, non obstante, a nulidade do acordo de proclamación do único concelleiro do PACOR e, no seu lugar, proclamaron ao candidato situado no segundo lugar da candidatura do PP, José Luis Abelleira.
A sección primeira da Sala do Contencioso-administrativo, polo tanto, deu por válido un voto ao PP no que se rodeou a lista completa de candidatos cun círculo en tinta azul e se fixo unha marca xunto ao primeiro candidato da lista.
O alto tribunal galego explica que, aplicando a este caso a doutrina do Tribunal Constitucional, “non pode afirmarse que o rodeo da lista completa de candidatos cun círculo e o facer unha marca xunto ao primeiro candidato da lista teña que implicar a nulidade do voto”. Así, salienta que deben prevalecer “os principios de conservación de actos validamente celebrados, de interpretación máis favorable á plenitude do dereito de sufraxio e de coñecemento da verdade material”.
A Sala afirma que, realmente, non tivo lugar “unha alteración relevante da lista electoral cos sinais que presenta a papeleta analizada”, pois entende que quedou “claramente expresada a vontade do elector, sobre a cal non cabe albergar dúbidas”. A sentenza é firme, pois contra ela non cabe presentar recurso.
O candidato do PP, José Domínguez, amosou a súa satisfacción porque a Xustiza “recoñeza que os membros da mesa electoral tiñan razón e cumpliron coa lei”, pois xa deran validez á papeleta en cuestión.
Non obstante, o candidato do PACOR, José Ramón Rojo, impugnara esa decisión ante a Xunta Electoral de Zona, e esta anulou o voto, o cal lle permitiría recuperar o sillón na Corporación corcubionesa que xa ocupara na pasada lexislatura, algo que agora non poderá facer tras o fallo do Tribunal Superior de Xustiza.
Cómpre lembrar que estes recursos foron os que motivaron o aprazamento, ata o venres día 7 de xullo, da constitución da nova Corporación local. A resolución xudicial, non obstante, non afecta á formación do novo goberno que, salvo sorpresas de última hora, presidirá Javier Domínguez, candidato do BNG.
- El juzgado autoriza a Pérez Rumbao a que adquiera los concesionarios del Grupo Yáñez
- Una compostelana hace historia al ganar un Latin Grammy: 'Quero adicarllo a miña cidade e a Galicia
- Los gallegos son fieles a la leña: 'Es lo más barato para calentar la casa
- Un cliente revienta de madrugada la nariz al dependiente de una tienda 24 horas del Ensanche de Santiago
- Rescate de película en Pontepedriña: los bomberos socorren a dos jóvenes atrapados en un edificio en llamas
- Mutualistas desesperados: más de 4.000 gallegos están desatendidos
- O ‘cohousing’, máis preto de despegar en Santiago con 30 vivendas: «Parecía un soño, pero é real»
- Crónica de una hora de rescate: así vivieron los inquilinos el incendio en el edificio de Pontepedriña
