Ecoembes premia a Silleda, Melide e Arzúa por aumentar a reciclaxe de plásticos, latas e briks

A campaña Únete ao reto distingue o esforzo realizado por sete concellos

Os premiados, onte, na campaña ‘Únete ao reto’

Os premiados, onte, na campaña ‘Únete ao reto’ / Xunta de Galicia

Redacción

A cuarta edición da campaña 'Únete ao reto', promovida por Ecoembes co apoio da Xunta, premiou o esforzo realizado por sete concellos que lograron o obxectivo de incrementar a reciclaxe de plásticos, latas e briks nos meses de abril a xuño, respecto a 2022. Entre esas entidades locais están Silleda, Melide e Arzúa que, xunto con Mos, Salvaterra do Miño, Nigrán e a Manconumidade da Limia, rexistraron un 13,2 por cento de incremento medio.

Silleda foi o concello que mellores números acadou, razón pola que se elixiu o mosteiro de Carboeiro como lugar para a entrega de premios. No seu caso, a porcentaxe de incremento foi de case un 27%. En total repartíronse 9.000€ en premios, e os concellos deberán destinar a contía que lles corresponde a unha causa social.

A directora xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez, eloxiou o compromiso das entidades locais e dos cidadáns coa reciclaxe, e puxo en valor a participación dos concellos para concienciar da importancia de separar correctamente os residuos.