A Xunta e o Concello de Ames asinan o convenio para executar a nova senda entre O Milladoiro e a intermodal de Santiago

Trátase de coordinar a intervención neste tramo de 5,9 km de lonxitude, en fase de contratación e cun investimento de máis de 7,5 M€, que comezará no núcleo do Milladoiro ata enlazar co actual itinerario da rúa Clara Campoamor

Esta intervención, cuxo trazado está consensuado co Concello de Santiago, centraranse na habilitación de novos itinerarios para peóns e ciclistas, con pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado

Peregrinos o seu paso polo Milladoiro

Peregrinos o seu paso polo Milladoiro / Concello

Redacción

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou de xeito telemático co alcalde de Ames, José Blas García, o convenio de colaboración para executar as obras do eixe de mobilidade sostible entre O Milladoiro e a estación intermodal de Santiago.

Trátase de sentar as bases que permitan a coordinación da execución das obras impulsadas pola Xunta do que será o primeiro itinerario de conexión entre O Milladoiro e a estación intermodal. As obras están xa licitadas e en fase de contratación e suporán un investimento de máis de 7,5 M€.

En concreto, o departamento que dirixe Ethel Vázquez, ten previsto iniciar as obras deste primeiro treito do novo eixe de mobilidade sostible no outono, cun prazo de execución de 18 meses.

O itinerario partirá do sur do núcleo do Milladoiro, no concello de Ames, na intersección da rúa do Rego coa rúa Filgueiras, para chegar á rúa Clara Campoamor, na estación intermodal en Santiago.

Para completar este percorrido, o trazado que se executará discorre polas rúas Curuxa e Figueira, no núcleo urbano do Milladoiro, de titularidade do Concello de Ames, ata enlazar co eixe xa de novo trazado que discorre polos terreos situados entre a SC-20 e a AP-9, xa no municipio de Santiago.

Mediante o convenio rubricado, a Xunta asume o financiamento e a execución das obras e a posterior entrega das actuacións executadas no municipio de Ames á entidade local.

Pola súa banda, o Concello comprométese a poñer á disposición da Xunta todos os terreos necesarios de titularidade municipal para a execución das obras, que deberá formalizarse antes da sinatura do contrato de obra por parte da Xunta.

Unha vez rematadas as obras, o Concello de Ames asumirá a titularidade, o seu mantemento e conservación.

Este eixe de mobilidade sostible terá continuidade no itinerario que partirá da rúa Clara Campoamor e finalizará en San Caetano, tamén en fase de contratación.

Os novos itinerarios impulsan un percorrido exclusivo de novo trazado para peóns e ciclistas, pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado, e completaranse cun terceiro de conexión do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, cuxo proxecto foi aprobado esta mesma semana polo Consello da Xunta.

Estas actuacións, cun trazado consensuado do Concello de Santiago, son impulsadas ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, co fin de favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.

As obras

As obras da senda entre O Milladoiro e a estación intermodal consistirán na execución dun itinerario de 5,9 km de lonxitude que comezará no núcleo do Milladoiro, no aparcadoiro de Agro do Medio e comunicará a través das rúas Curuxa e Figueiras co eixe Milladoiro-Santiago, o cal discorre inicialmente entre a SC-20 e a AP-9, pasando por encima dos túneles de Adif e conectando coa rúa Virxe do Rial.

A partir da rúa Virxe do Rial, o itinerario entrará no antigo túnel de Adif, que será obxecto de acondicionamento e continuará polo Banquete de Conxo, o parque do Restollal e as Brañas de Sar, ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor, á altura da estación intermodal.

Tras a análise das achegas recibidas durante o trámite de información pública deste eixe, vaise reducir ata a metade a superficie a expropiar no entorno do lugar do Reiro e eliminaranse as pasarelas sobre o río Sar, empregando para o cruce as pontellas existentes.

No contorno do Antigo Mosteiro de Conxo utilizarase a plataforma do camiño existente, sen ampliar a explanación e cun pavimento o máis natural posible; mentres que no paso por debaixo da estrada de Deputación darase continuidade ao itinerario, acondicionando e limpando a contorna coa finalidade de mellorar o aspecto que presenta na actualidade.

Atendendo ás suxestións presentadas, elimínase a conexión da rúa Ramón Baltar, que quedará pendente de desenvolvemento en consenso e coordinación co Plan Especial de protección e rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo, que actualmente se atopa en fase de tramitación ambiental.