A Xunta recibe 12 ofertas para executar a nova senda peonil entre O Milladoiro e a estación intermodal de Santiago

Correspóndese co tramo de 3,5 km de lonxitude que comezará no núcleo do Milladoiro ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor // O obxectivo é iniciar no outono as obras correspondentes a este primeiro treito do eixe de mobilidade sostible da cidade, cun prazo de execución de 18 meses

O novo tramo conectará O Milladoiro e a estación intermodal de Santiago

O novo tramo conectará O Milladoiro e a estación intermodal de Santiago / ECG

Redacción

A Xunta recibiu 12 ofertas para executar as obras do eixe de mobilidade sostible entre O Milladoiro e a estación intermodal de Santiago, licitadas por máis de 7,5 M€.

Das 12 ofertas presentadas para executar estas obras, 3 delas están conformadas por UTE, o que suma un total de 15 empresas.

Trátase das obras correspondentes co primeiro itinerario de conexión entre O Milladoiro e a estación intermodal, que terán continuidade no itinerario que partirá da rúa Clara Campoamor e finalizará en San Caetano. Este segundo treito atópase tamén en fase de contratación, con 8 ofertas recibidas para a súa execución.

Os novos itinerarios impulsan un percorrido exclusivo de novo trazado para peóns e ciclistas, pendentes moderadas e sen apenas interacción co tráfico rodado, e completaranse cun terceiro de conexión do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago.

Estas actuacións, cuxo trazado está consensuado do Concello de Santiago, son impulsadas ao abeiro do programa europeo dos Fondos Next Generation, co fin de favorecer desprazamentos menos contaminantes nas cidades galegas e nas súas contornas, fomentando a diminución de emisións de gases á atmosfera.

As obras obxecto de contratación

En concreto, as obras da senda entre O Milladoiro e a estación intermodal consistirán na execución dun itinerario de 3,5 km de lonxitude que comezará no núcleo do Milladoiro, no aparcadoiro de Agro do Medio e comunicará a través das rúas Curuxa e Figueiras co eixe Milladoiro-Santiago, o cal discorre inicialmente entre a SC-20 e a AP-9, pasando por encima dos túneles de ADIF e conectando coa rúa Virxe do Rial.

A partir da rúa Virxe do Rial, o itinerario entrará no antigo túnel de Adif, que será obxecto de acondicionamento e continuará polo Banquete de Conxo, o parque do Restollal e as Brañas de Sar, ata enlazar co actual itinerario de Clara Campoamor, á altura da estación intermodal.

A previsión é iniciar estas obras no outono, cun prazo de execución de 18 meses.

Tras a análise das achegas recibidas durante o trámite de información pública deste eixe, vaise reducir ata a metade a superficie a expropiar no entorno do lugar do Reiro e eliminaranse as pasarelas sobre o río Sar, empregando para o cruce as pontellas existentes.

No contorno do Antigo Mosteiro de Conxo utilizarase a plataforma do camiño existente, sen ampliar a explanación e cun pavimento o máis natural posible; mentres que no paso por debaixo da estrada de Deputación darase continuidade ao itinerario, acondicionando e limpando a contorna coa finalidade de mellorar o aspecto que presenta na actualidade.

Atendendo ás suxestións presentadas, elimínase a conexión da rúa Ramón Baltar, que quedará pendente de desenvolvemento en consenso e coordinación co Plan Especial de protección e rehabilitación da igrexa, hospital psiquiátrico e mosteiro de Conxo, que actualmente se atopa en fase de tramitación ambiental.