Chamamento en Boiro ao consumo responsable de auga diante da falta de presión na traída local

No bando publicado polo alcalde prégase evitar "o rego de xardíns ou fincas agrícolas e baldeos con auga da traída municipal"

Desembocadura do río Coroño, no que capta auga Boiro

Desembocadura do río Coroño, no que capta auga Boiro / turismo

O Concello de Boiro, e diante das faltas de presión que se están a suceder no abastecemento de auga potable, recomenda o uso responsable da traída municipal evitando os regos de zonas verdes ou leiras, pero tamén os baldeos.

Os servizos técnicos municipais alertaron nos últimos días do baixo nivel dos depósitos e a falta de presión, que se debe a un consumo excesivo por parte da veciñanza derivado dos distintos tipos de regos e acometidas non autorizadas. É por iso que recomendan facer un uso responsable da auga evitando o desbaratamento da que procede da traída local. Con estas medidas búscase minimizar os efectos que a falta de líquido pode provocar no abastecemento municipal, polo que se levará a cabo un maior control da posible existencia de acometidas non autorizadas para evitar o corte da subministración a determinadas horas.

Segundo o bando publicado estes días polo rexedor José Ramón Romero, prégase evitar “o rego de xardíns ou fincas agrícolas e baldeos con auga da traída municipal”.