Denuncian un “inxustificado” peche do parque ribeirense de bombeiros este xoves

Dende a folga convocada en xuño é a quinta vez que ocorre por falta de persoal

Vehículo para a extinción de incendios dos bombeiros

Vehículo para a extinción de incendios dos bombeiros

O Comité de Folga Autonómica e a Mesa Intersindical de Bombeiros de Galicia amosaron a súa indignación ante a situación vivida na xornada deste xoves relativa ao peche do parque de bombeiros de Ribeira “para poder garantir a prestación dos servizos mínimos ás portas do complexo industrial de Inditex en Arteixo”, sinalan.

“O Consorcio decidiu que uns traballadores que estaban de servizos mínimos no parque de bombeiros de Ribeira pecharan as súas instalacións e por tanto privaran de servizo aos concellos de Ribeira, A Pobra e Porto do Son, en prol de acudir a prestar servizos ordinarios (non servizos mínimos) a outros parques de bombeiros, xa que cada bombeiro pode actuar como servizo mínimo unicamente no seu centro de traballo habitual”, explican ao respecto. Dende a folga convocada en xuño é a quinta vez que se pecha o parque de Ribeira por falta de persoal.