Costa da Morte, Xallas e Deza acollen o 18% dos locais de hostalería co selo de Galicia Calidade

En toda a Comunidade só 34 teñen este aval

Fisterra conta con tres establecementos certificados

Os outros ubícanse en Carnota, Santa Comba e Silleda

O último en integrarse nesta selecta lista foi o hotel Faro de Lariño

Ana Méndez e Jesús Picallo, no centro, no acto de entrega do certificado de Galicia Calidade ao Hotel Faro de Lariño, en Carnota / xunta de galicia

Ana Méndez e Jesús Picallo, no centro, no acto de entrega do certificado de Galicia Calidade ao Hotel Faro de Lariño, en Carnota / xunta de galicia / J. M. RAMOS

Dende o ano 2014 o selo Galicia Calidade é a marca paraugas da economía galega para impulsar a súa competitividade nos mercados exteriores. Son xa máis de 150 as empresas e 780 produtos certificados con este aval, que abrangue os sectores agroalimentario, mar, turístico, xoieiro, industrial, xeotérmico e de planta ornamental.

Dentro da área de hostalería, só 34 establecementos galegos contan con esta certificación, seis dos cales (o 18%) están ubicados na Costa da Morte, Terra de Xallas e Deza, liderando a selecta lista o Concello de Fisterra, que acolle tres deses negocios hostaleiros (O Semáforo, Hotel Temático do Banco Azul e Bela Fisterra Hotel). Os outros tres atópanse en Carnota (Hotel Faro de Lariño, o último en sumarse á marca); Santa Comba (Costiña Restaurante) e Silleda (Casa de Cacheiro).

A pasada semana, a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez, entregou a Jesús Picallo, xerente do Hotel Faro Lariño e vicepresidente do Clúster de Turismo de Galicia, a certificación que acredita o dereito de uso do selo de calidade, que poderán incluír tamén na sinalización da fachada e engadir ás diferentes accións para a súa promocion.

Ana Méndez destacou a “privilexiada situación” do hotel na coñecida como Punta Ínsua, de Lariño, nunhas instalacións que foron habilitadas como establecemento de aloxamento turístico en 2021 e que seguen a conservar a súa finalidade principal como faro.

Pola súa banda, Jesús Picallo, que xunto co seu fillo Jacinto, rexenta tamén o O Semáforo e o Hotel Temático do Banco Azul, de Fisterra, sinala que para poder acadar esta cerficación “é preciso superar unha serie de auditorías de calidade, xestión e sostibilidade”.

Un esforzo, engade, que, “pola nosa experiencia, podemos dicir que se ve compensado co acceso a un arco máis elevado de reservas”, polo que “o investimento ten, sen dúbida, un retorno”. Asegura ademais que esta marca é un “aval que repercute en beneficio de todos, desde os propios negocios ata os nosos clientes, proveedores e tamén os turoperadores”. Afirma asemade que moitos clientes á hora de elexir un destino valoran moi positivamente que os establecementos estén avalados por certificacións de calidade.

Cabe sinalar que Galicia Calidade é a marca de garantía que certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración, pola súa materia prima ou deseño galegos, merecen esta distinción, despois de seren contrastados estes parámetros mediante os controis establecidos.

Recoñecido

Actualmente o selo, nome e logotipo desta marca son xa “amplamente recoñecidos polos consumidores de toda España e valorados por estes de forma moi positiva”, segundo sinalan dende a sociedade que dirixe Ana Méndez.

Detrás hai un constante investimento para a promoción dos produtos e empresas certificadas por Galicia Calidade, co fin de que as distintas accións favorezan a todos eles. Os plans de acción da marca tamén contemplan o consumidor, para que os servizos e produtos sexan constantes na súa compra ou contratación.