O Vilán impresiona aos amigos dos faros de Estados Unidos

Vinte e tres membros da maior asociación norteamericana puxeron fin en Camariñas e Fisterra a un periplo por toda a costa Cantábrica

Tres dos membros da comitiva no cumio do faro Vilán

Tres dos membros da comitiva no cumio do faro Vilán / C. CAMARIÑAS

Vinte e tres membros da United States Lighthouse Society, a maior asociación de amigos dos faros dos Estados Unidos, visitaron este martes o faro Vilán de Camariñas, ao que cualificarpm como “o máis magnífico” do percorrido que veñen facendo pola costa Cantábrica, ao longo da cal visitaron 37 sinais lumínicas, antes de rematar en Fisterra.

Divididos en dous grupos, os participantes, de entre 61 e 91 anos, puideron desfrutar dunhas vistas únicas dende a torre do Vilán. Ademais participaron dunha presentación sobre o faro, a historia do HMS Serpent e o Cemiterio dos Ingleses, ademais de visitar o museo.

A sensación xeral dos participantes foi de “asombro e sorpresa” ante a paisaxe que presenciaron e a boa acollida que tiverson. Segundo o vicepresidente da entidade, Henry I. González, subliñou que de todos os que visitaron, “co que un fareiro se identifica máis, pola torre, pola historia e polo emprazamento é o de Vilán”. E iso que da expedición formaban parte grandes coñecedores das sinais lumínicas marítima. Así, Darlene Chisholm, de 77 anos, visitou co seu marido, falecido antes desta viaxe, un total de 4.400 faros de todo o mundo, desde o ano 1969. El foi o que lle dixo que fóra forte e non faltara a esta viaxe pola costa Cantábrica.

Tras a visita ao faro, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, acompañada das concelleiras Encarna Liñeiro e Begoña Tajes; o xefe de división de mantemento da Autoridade Portuaria da Coruña, Jorge González Martínez; e a presidenta da Asociación de Empresarios e Sector Turístico de Camariñas, Olga Campos, ofreceu unha recepción oficial á delegación norteamericana.

A rexedora salientou que “é unha honra e un privilexio” recibir en Camariñas a estes viaxeiros que, “estou segura de que acaban de descubrir que a contorna na que se atopa o faro Vilán o converte nun espazo único e incomparable”. Desde o seu cumio, engadiu, “tivéchedes o privilexio de desfrutar de vistas que moi poucos poden experimentar, un regalo da natureza que nos rodea”. Tanto é a sí que a propia alcaldesa recoñece que esta foi a segunda vez que ela subía á torre.

Desexoulles “unha boa fin de viaxe en Fisterra” e agarda que regresen a Camariñas no futuro, “para explorar a nosa terra, desfrutar da exquisita gastronomía e coñecer a hospitalidade das nosas xentes”.

Pola súa banda, Olga Campos amosouse “encantada de que o faro se promocione a nivel internacional” e “agradecida en todos os sentidos, á asociación por escollernos dentro da súa viaxe, ao concello porque se involucrase, á Autoridade Portuaria porque permitiu o acceso e ao persoal que traballou e colaborou para que todo saíse ben”.