Xoguetes e marionetas nun pazo BIC

O histórico inmoble lalinense de Liñares acolle un museo con máis de mil pezas que invitan a viaxar á infancia

Destaca unha máquina de personaxes autómatas de madeira inspirada no manual do clérigo Domingo Martínez de Presa, de 1662, que representa un baile renacentista

Máquina de personaxes autómatas de madeira inspirada no manual do clérigo Domingo Martínez de Presa, de 1662

Máquina de personaxes autómatas de madeira inspirada no manual do clérigo Domingo Martínez de Presa, de 1662 / CONCELLO DE LALÍN

Redacción

O Pazo de Liñares (Lalín) recibiu no que vai de ano (concretamente desde o 3 de xaneiro ata o 30 de setembro) un total de 7.241 visitas, das que case o 5% procedían do estranxeiro; o 19% de distintos puntos de España; o 22% de Lalín e o 54% doutros puntos de Galicia. É importante resaltar o incremento rexistrado con relación a anos precedentes, destacando a suba de visitas recibidas desde toda Galicia, España e Europa é ás que contribúe a presenza que está tendo o pazo en Google Maps, con recensións e fotografías, xa que moitas persoas achéganse guiadas a Liñares por dita aplicación.

Dos preto de 7.300, un total de 1.777 persoas participaron en excursións (179 alumnos/as), 828 en diversos actos e 290 en vodas. Todos estes son eventos que acolleu o Pazo de Liñares durante os tres primeiros trimestres de ano.

Unha das pezas do Museo do Xoguete e da Marioneta

Unha das pezas do Museo do Xoguete e da Marioneta / Concello de Lalín

O Ben de Interese Cultural Pazo de Liñares consolídase así como un recurso cultural e turístico de primeira orde desde a súa inauguración a finais de 2014. Actualmente acolle o Museo do Xoguete (Colección de A. Chaves) e da Marioneta, un centro referente con máis de 1.000 pezas, moitas inéditas. Un centro que vén de cumprir dous anos e que leva ao visitante a unha viaxe pola historia do xoguete, da infancia e do xogo.

Na parte dedicada á marioneta recolle unha representación das pezas máis destacadas de compañías de toda Galicia. Tamén se expón unha peza autómata, inspirada no manual do clérigo Domingo Martínez de Presa, de 1662. É unha máquina de personaxes de madeira, creada ex profeso para Liñares e que reproduce un baile da época renacentista.

Ao ser a casa natal do ilustre aviador Joaquín Loriga, neste pazo existe unha sala dedicada a este Fillo Ilustre con material moi diverso: fotografías, vídeo e unha pantalla táctil con todo tipo de información sobre o seu raid Madrid- Manila. Cómpre recordar a incorporación recente a esta sala do retrato de Antonio Maura, recuperado do pazo e restaurado polo Concello.

Tamén hai unha sala dedicada a Jan Dirk Hilgen que amosa material divulgativo e de traballo doado por este xeólogo holandés, chamando a atención algunhas pezas de minerais e microscopios.

PROCESO DE REHABILITACIÓN

Unha exposición de fotografía do proceso de rehabilitación do pazo moi interesante e ilustrativa é outro dos contidos do Espazo Liñares, que conta tamén cun Centro de Xestión do Coñecemento Arqueolóxico, xestionado pola Deputación. Ademais, realízanse durante o ano diversos actos e actividades, como vodas, espectáculos, encontros, charlas, cursos, conferencias e diversas exposicións temporais. Nos últimos anos incrementou notablemente (máis dun 50%) o número de visitas e actos respecto aos anos anteriores. Prevese que o número de visitantes a finais deste ano poida chegar aos 10.000.