O ceo da fin do mundo brilla en Cuenca

Costa da Morte promociona o destino Starlight nun encontro de ámbito internacional

É o único representante do noroeste peninsular

Marta Rodríguez, da secretaría técnica, enxalzou o potencial do astroturismo nos dezasete concellos do territorio e o compromiso dos sectores político e empresarial

Marta Rodríguez, á esquerda, con Antonia Varela no Encontro Internacional Starlight, en Cuenca /CMAT

Marta Rodríguez, á esquerda, con Antonia Varela no Encontro Internacional Starlight, en Cuenca /CMAT / josé m. ramos

Baixo o lema Costa da Morte, as estrelas desde a fin do mundo, Marta Rodríguez, do equipo da secretaría técnica de Costa da Morte Asociación Turística (CMAT) levou a experiencia deste destino ao VI Encontro Internacional Starlight, de Cuenca.

Costa da Morte é o único destino do noroeste peninsular que expón a súa experiencia nesta cita, referencia mundial dos profesionais vinculados ao astroturismo e na que están presentes outros territorios Starlight e representantes de países líderes no turismo das estrelas. “É unha oportunidade única para situar a Costa da Morte no mapa internacional do turismo de calidade”, destaca ao respecto o presidente da CMAT e alcalde de Zas, Manuel Muíño.

Pola súa banda, o presidente da Asociación Profesional do Sector Turístico da Costa da Morte (APTCM), Pepe Formoso, subliña a oportunidade que representa darlle voz ao destino: “Seguindo un proceso modélico para obter o distintivo Destino Turístico Starlight, logramos facernos un oco no turismo das estrelas, a través do cal poder divulgar todo o patrimonio natural e cultural do noso territorio, e non só o ceo nocturno e as estrelas, senón, sobre todo, os nosos espectaculares solpores”.

Na súa exposición, Marta Rodríguez detallou a experiencia da Costa da Morte para obter a Certificación Destino Starlight, iniciada a finais do ano 2021 cun acordo unánime da asemblea xeral da CMAT e rematado en xaneiro de 2023 en FITUR.

Enumerou tamén as claves para obter ese recoñecemento: “Calidade do ceo nocturno; compromiso político e empresarial xunto coa presenza dun ente xestor; estratexia de xestión, coordinación e planificación; un destino turístico consolidado e apoio da comunidade científica”, dixo.

Asemade, enumerou os traballos nos que están inmersos os 17 concellos que integran a CMAT e a iniciativa privada, liderada por APTCM, para seguir dando pasos en prol do afianzamento no eido do astroturismo. Destacou dúas iniciativas estratéxicas que xa están en marcha: “O impulso cara a concienciación dos concellos na redución da contaminación lumínica, a través da iluminación pública intelixente, así como a valoración de aprobar, nun futuro, ordenanzas municipais que regulen o alumeado público tendo en conta parámetros que coiden da calidade do ceo nocturno” e a “elaboración dun estudo inicial sobre unha rede de miradoiros estelares, en colaboración cos concellos e o grupo de monitores astronómicos que se formou no curso impartido pola Fundación Starlight no mes de abril”.

A propia directora da Fundación, Antonia Varela, eloxiou o traballo da entidade, situándoa como referente pola posta en marcha de iniciativas como a profesionalización do sector, a creación da Mesa Starlight e a sensibilización dos municipios.