Profesores de Boiro aprenden matemáticas manipulativas para ensinar diferente

O movemento pedagóxico OAOA está baseado nun xeito de traballar respectuoso coa atención á diversidade, que favorece o cálculo mental e a lóxica.

Marrero nunha clase

Marrero nunha clase / ceipp sª mª c.

Un total de 108 profesores de Infantil, Primaria e Secundaria de Boiro e Rianxo asistiron no CEIP Plurilingüe Santa María do Castro de Cabo de Cruz a unha actividade formativa de matemáticas manipulativas para coñecer o movemento pedagóxico OAOA (Outros Algoritmos para as Operacións Aritméticas) co fin de cambiar a forma tradicional de ensinar e aprender as matemáticas.

Dito movemento non só pretende renovar os algoritmos tradicionais das operacións aritméticas, senón que engloba todos os aspectos que teñen que ver con esta disciplina: numeración, cálculo, medida, xeometría, estatística, azar e probabilidade, resolución de problemas…

A clase (organizada polo citado colexio, que dirixe Lucía Abad) correu a cargo de Marcos Marrero, diplomado en Educación Física, licenciado en Psicopedagoxía e apaixonado da didáctica das matemáticas, quen abordou o enfoque co que ensinar ao alumnado diversas estratexias de cálculo para suma e a resta, de modo que cada quen despois poida utilizar aquela que máis se axusta ao seu proceso cognitivo. É, en definitiva, un xeito de traballar respectuoso coa atención á diversidade, que favorece o cálculo mental e a lóxica.

Asimesmo, estivo en varias aulas de Primaria desenvolvendo un obradoiro co alumnado, misturando, en forma de retos matemáticos, estratexias de medida coa xeometría.

A formación do profesorado continuou no auditorio de Rianxo (organizada pola directora do CRA, María Vázquez de la Iglesia), onde 118 persoas coñeceron as distintas estratexias para desenvolver as multiplicacións e divisións, entre outros moitos contidos. Os participantes procedían de Santiago, Barbanza, Moaña e mesmo da zona de Pontevedra.