A Laracha reforza a rede de auga para mellorar o servizo e garantir o abastecemento en épocas de seca

Investiranse 1,8 millóns e a Xunta financia o 80%

Aumentarase a capacidade do depósito actual nun 130% e a de bombeo un 50%

José M. López, á esquerda, con técnicos e a conselleira Ethel Vázquez, nas obras da Laracha /xunta de galicia

José M. López, á esquerda, con técnicos e a conselleira Ethel Vázquez, nas obras da Laracha /xunta de galicia / J. M. RAMOS

A Xunta rematará en xuño a mellora da potabilizadora da Laracha que permitirá incrementar a capacidade de bombeo nun 50% e do depósito nun 130% cun investimento de 1,8 M€. A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, que supervisou as obras, xunto co alcalde, José Manuel López, subliñou que o obxectivo é solucionar os problemas actuais de presión que hai nalgunhas zonas e mellorar a capacidade de almacenamento para ser máis resilientes fronte a eventuais períodos de escaseza, atender a demanda de auga en época estival e poder abastecer, no futuro, tamén ao parque empresarial.

Para reparar as deficiencias e a falta de capacidade da actual planta, procederase a ampliar a potabilizadora e o depósito de cabeceira, e executaranse as correspondentes impulsións. Neste sentido, instalarase un bombeo en alta de 60 l/s, fronte ao de 40 l/s actual; construirase un depósito de auga potable con dous vasos independentes cunha capacidade de 2.300 m³ para almacenamento de 24 horas de consumo, fronte aos 1.000 m³ do actual; e executarase unha rede de impulsión entre a potabilizadora e o novo depósito.

A titular de Infraestruturas avanzou que este mes comezará a obra civil do novo depósito e a cámara de chaves, intervencións que se prolongarán aproximadamente ata marzo. De xeito paralelo, a comezos de ano, empezarase coa execución das impulsións e a rede de condución entre os dous depósitos, entre o actual e o novo; e tamén se traballará nas instalacións da cámara de chaves. Despois acometerase o bombeo en alta.

Ethel Vázquez apuntou que, seguindo esta programación e tendo en conta o prazo de execución de 8 meses, a intervención estará rematada a comezos do próximo verán. Lembrou que esta actuación é froito da colaboración entre a Xunta, que achega o 80% do financiamento, arredor de 1,5 M€, e executa as obras; e o Concello da Laracha, que financia o 20% restante. Esta intervención conta con financiamento da Unión Europea, no marco do Eixe REACT UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.